A Deputación leva este mércores o programa Son Verán a Baiona cun concerto de ópera en homenaxe a Montserrat Caballé e Luciano Pavarotti
• ÓperaConcert ofrecerá un recital lírico en homenaxe a Montserrat Caballé e Luciano Pavarotti no marco desta nova iniciativa provincial, formada por espectáculos de alta calidade artística en enclaves e espazos patrimoniais da provincia
Infogauda / Baiona
A Deputación de Pontevedra levará este mércores, 27 de agosto, a Baiona, o novo programa provincial Son Verán cun concerto de ópera en homenaxe a Montserrat Caballé e Luciano Pavarotti a cargo de ÓperaConcert. O recital lírico terá lugar no excolexiata de Santa María a partir das 21:00 horas no marco desta nova iniciativa provincial, un ciclo de 13 concertos entre os meses de agosto a outubro en enclaves e espazos patrimoniais e paisaxísticos dos concellos da provincia.
O concerto homenaxe a Montserrat Caballé e Luciano Pavarotti da man de ÓperaConcert contará en Baiona coa presenza de Simona Todaro, neta de Pavarotti, e Montserrat Martí Caballé, filla da recoñecida artista, ademais da soprano galega Loli Crespo, o barítono Luis Santana e o mestre Víctor Carbajo ao piano. O espectáculo incluirá un repertorio da canción e ópera italiana, así como arias de ópera, canción española e zarzuela, con títulos como "O mio babbino caro", "Ave María", "O sole mio" ou "Nessun dorma". Os artistas tamén compartirán co público anécdotas e lembranzas cheas de afecto.
O cartel de artistas de Son Verán inclúe tamén a Emilio Rúa, Óscar Ibáñez, Carlos Núñez e o dúo composto por Teo Cardalda e María Monsonís, e os concertos chegarán proximamente aos concellos de Forcarei, Mondariz, Moraña, Poio, Ponteareas, Sanxenxo e Vilanova de Arousa. Son Verán é unha aposta da Deputación pola descentralización das actividades culturais ao longo de todo o territorio provincial, impulsando unha programación musical de primeiro nivel en todas as comarcas da provincia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario