20 de ago. de 2025

TUI

O Rocha Folk celebra esta fin de semana a súa quinta edición en Caldelas 

  Actuarán, entre outros, a Banda de Gaites de Candás, Joel Padín, Os Carecos e Sheila Patricia  




Infogauda / Tui

 A ribeira, a capela do Carmen, e o exterior do Balneario en Caldelas, serán este venres 23 e sábado 24 de agosto, o escenario do V Rocha Folk, Festival Folk Internacional, organizado pola Asociación Cultural A Ínsua. Serán dúas xornadas nas que a música será a protagonista tanto a través do concertos previstos coma dos obradoiros organizados ao abeiro do festival.  Este evento, que conta coa colaboración do Concello de Tui,  forma parte programación cultural do Verán.  

 A programación comezará este venres, ás 20 h, no exterior do Balneario de Caldelas, co acto inaugural ao que seguirá un obradoiro de percusión e canto que impartirá Joel Padín. Non é preciso inscrición previa e no caso de ter instrumento pódese levar.  Ao remate, ás 21.30 h, Joel Padín ofrecerá unha actuación.   

 Ás 21h comezará a animación de rúa coa agrupación de bombos de S. Tiago de Sopo, de Vila Nova de Cerveira, que ás 22 h protagonizará o desfile até a ribeira xunto a Banda de Gaites de Candás, de Asturias, e a Banda de Gaitas A Insua de Caldelas, que actuará no escenario principal do Festival. Pechando a primeira xornada do festival o grupo Son das Tabernas, e unha foliada.   

 O sábado, a segunda xornada do festival, o grupo de gaitas Inquedanzas do Centro Cultural Aloia de Pazos de Reis será o encargado da animación de rúa dende ás 11.30 h. Ás 12 h actuará o dúo Sisto de música tradicional de Vilameán (Tomiño), que este ano acadou o terceiro premio no concurso de Gaita e Tamboril celebrado en xullo en Tui.   

 Dende Asturias chega ao V Rocha Folk a Banda de Gaites de Candás que será a encargada da animación de rúa ás 13 h e dun concerto no escenario principal na ribeira ás 21.30 h.   

 As pandereteiras “Os Caramuxos” e “Mouchiñas” da Asociación O Fiadeiro, de Vigo, actuarán ás 13.15 h no escenario principal.  

 Tras o xantar campestre ás 18 h Os Carecos realizarán un obradoiro de baile tradicional, e actuarán no escenario principal  pechando o festival ás 23.30 h onde de seguro interpretarán algunhas das composición do disco que publicarán este ano.  

 O sábado á tarde o dúo formado por Antía Caaveiro e Antón Lago actuará ás 20.30 h na capela do Carmen e no escenario principal ás 22.30 h será a quenda de Sheila Patricia. Deste xeito a parroquia tudense de Caldelas vivirá unha fin de semana chea de música e tradición.    

V Rocha Folk  

Venres 22 

Ás 20 h no exterior do hotel Balneario obradoiro de percusión e canto con Joel Padin.

 Ás 21 h animación de rúa coa agrupación de bombos de S. Tiago de Sopo, de Vila Nova de Cerveira 

Ás 21.30 h no exterior do hotel Balneario actuación do pandereteiro Joel Padín.  

 Ás 22 h desfile de bombos S. Tiago de Sopo, Gaites de Candás (Asturias) e Gaitas A Ínsua, de Caldelas. Actuación final desta última no escenario principal 

 Ás 23.15 h no escenario principal actuación do grupo Son das tabernas. 

 Final cunha queimada e foliada. 

Sábado 23 

 Ás 11.30 h animación de rúa do grupo de Gaitas Inquedanzas do Centro Cultural Aloia, de Pazos de Reis. 

Ás 12.00 h Conxunto Sisto. Música tradicional de Vilameán. 

Ás 13 h animación de rúa de Banda de Gaites de Candás, de Asturias 

Ás 13.15 h no escenario principal actuación das Pandereteiras da Asociación O Fiadeiro, de Vigo "Os caramuxos" e "Mouchiñas".   

Ás 14 h na zona da ribeira xantar campestre e foliada libre. 

Ás 18 h no escenario principal obradoiro de baile tradicional a cargo dos Carecos.   

 Ás 20.30 h na Capela do Carme actuación do Dúo Antía Caaveiro e Antón Lago 

 Ás 21.30 h Desfile e actuación da Banda de Gaites de Candás, de Asturias 

 Ás 22.30 h no escenario principal actuación de Sheila Patricia 

 Ás 23.30 h no escenario principal actuación de Os Carecos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario