As agrupacións de Quires, Salceda de Caselas, e Tui, protagonizarán o XXX Festival de Bandas de Música
• Celebrarase este venres, 23 de agosto, ás 21 h na praza de San Fernando
Infogauda / Tui
O Festival de Bandas de Música de Tui celebrará este venres, 23 de agosto, a súa trixésima edición e faino coa participación de tres agrupacións nesta cita xa clásica do verán na cidade. Serán a Banda de Musica de Vila Boa de Quires (Portugal); a Banda de Música Cultural de Salceda de Caselas; e a Banda de Música Popular de Tui. A Banda de Musica de Vila Boa de Quires, será a encargada de abrir o festival. Trátase da banda de música máis antiga de Portugal xa que hai rexistros de 1712 que mencionan a esta agrupación. Na actualidade está formada por 60 músicos, que interpretan un amplo repertorio do que o 70% é da propia banda.
En segundo lugar actuará a Banda de Música Cultural de Salceda de Caselas, que ten as súas orixes en 1892, ano da fundación da banda primitiva. A actual agrupación xurdiu en 1982 arredor da festividade de Santa Icía. A Cultural de Salceda ten actuado en Galicia, noutros puntos de España e Portugal, e mesmo realizou unha xira por Arxentina e Brasil. Conta con catro traballos discográficos, precisamente polo último “De tradición” realizado con Suso Vaamonde recibiu o premio á Mellor Banda de Música Popular nos X Premios Martín Códax da Música.
A Banda de Música Popular de Tui, anfitrioa e organizadora do evento, será a encargada de pechar o festival baixo a dirección de Eloy Carrera. A banda tudense, creada a finais do século XIX, e que pasou por distintas vicisitudes ao longo do século XX, conta cunha actividade estable dende a década dos 80’. Son numerosos os concertos que ten ofrecido en Galicia, Portugal, Arxentina, e noutros puntos de España, participando en certames, festivais, intercambios, romarías e festexos.
O público, que de seguro encherá este venres a praza de San Fernando, poderá disfrutar dun variado repertorio, con pezas clásicas nas que non faltarán os pasodobres, e outras composicións máis contemporáneas.
O XXX Festival de Bandas de Música forma parte da programación cultural do verán en Tui.
Ningún comentario:
Publicar un comentario