25 de ago. de 2025

TOMIÑO

Tomiño pechará agosto con música, baile e cine para todos os públicos  

•  O Concello de Tomiño continúa a súa aposta por unha programación cultural aberta, diversa e para todas as idades 

  



Infogauda / Tomiño

 Esta semana, a axenda tomiñesa inclúe dúas propostas singulares dentro dos ciclos #Pequeverán e #Son&Serán, que levarán á praza da Mina e á praza do Seixo enerxía, ritmo e cine. 


 O xoves 28 de agosto, ás 19:30 horas, a praza da Mina converterase nun auténtico escenario de enerxía e diversión coa música de María Faltri, recoñecida picadiscos que traerá unha sesión única pensada para un público familiar. Cunha selección musical chea de sabor, fusión e autenticidade, a artista convidará a cantar, brincar e vivir ao máximo unha tarde que promete moito movimiento.  

 A programación continuará o venres 29 de agosto, ás 22:00 horas, coa proxección de O neno e a garza (The Boy and the Heron) na praza do Seixo, dentro do ciclo #Son&Serán. Dirixida polo prestixioso Hayao Miyazaki, a película relata a historia de Mahito, un mozo que, tras a perda da súa nai, se aventura nun mundo compartido por vivos e mortos. Nesta viaxe fantástica, descubrirá que a morte pode dar paso a novos comezos e que a amizade é unha forza capaz de traspasar fronteiras. Con beleza visual e unha narrativa profundamente emotiva, esta obra semiautobiográfica é un tributo á imaxinación e á esperanza. 

 Con estas dúas propostas, o Concello de Tomiño convida a persoas veciñas e visitantes a participar activamente dunha semana que mestura arte e entretemento.

Ningún comentario:

Publicar un comentario