Luis López anuncia a posta en marcha da quinta edición de Mulleres no Foco en recoñecemento ás mulleres profesionais da industria audiovisual galega
• A Deputación de Pontevedra e a Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais (CIMA) entregarán nun acto público os tres premios valorados en 5.000 euros cada un
Infogauda / Pontevedra
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou este venres a posta en marcha da quinta edición dos premios Mulleres no Foco, convocados conxuntamente coa Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais (CIMA) para poñer en valor o traballo das mulleres no audiovisual galego.
Luis López informou de que "desde hoxe xa están publicadas no BOPPO as bases da convocatoria, na que imos entregar de novo tres premios de 5.000 euros cada un", isto é, un total de 15.000 euros que recibirán "mulleres profesionais da industria en recoñecemento á súa traxectoria, o seu talento emerxente ou o seu rol de pioneiras que abriron camiño no sector".
Ao igual que en edicións anteriores, ábrese un período dun mes a partir do luns para a presentación de candidaturas, das que quedarían excluídas as mulleres recoñecidas en edicións anteriores, isto é: Lidia Fraga, Nati Juncal e Jaione Camborda, en 2024; Marina Carballal, María Vázquez e Beli Martínez, en 2023; Chelo Loureiro, Paula Cons e Lucía Catoira, en 2022; e Margarita Ledo, Noemí Chantada e Sonia Méndez, en 2021.
Os premios entregaranse nun acto público "que será unha gran festa do audiovisual galego e do talento feminino que hai tanto diante como detrás das cámaras, nos equipos ao completo en postos de interpretación, dirección, guión, realización…", sinalou Luis López. O presidente da Deputación asegurou que "queremos que a realidade supere a ficción e que os soños de igualdade sexan verdade canto antes, así que por iso seguiremos impulsando medidas que garantan que a igualdade sexa real e efectiva".
Ningún comentario:
Publicar un comentario