29 de ago. de 2025

OIA

“Prohibido poñerse enfermo en Oia”: o Centro de Saúde queda sen médicos dende este xoves

 A Agrupación Socialista de Oia denuncia a grave situación sanitaria do municipio e esixe á Consellería de Sanidade e ao SERGAS que garantan un servizo médico digno para a veciñanza.


Centro de Saúde de Oia
Foto: Cedida

Infogauda / Oia

 A Agrupación do PSdeG-PSOE de Oia manifesta publicamente a súa fonda preocupación pola situación que se está a vivir no Centro de Saúde de Oia, que dende este xoves permanece sen servizo médico debido á ausencia dos dous facultativos asignados ao municipio.

 Isto significa que, durante a xornada, os veciños e veciñas de Oia quedaron completamente desatendidos, sen posibilidade de acceder a consultas médicas no seu propio centro sanitario, o que supón un grave risco para a saúde da poboación.

 Dende o PSOE de Oia lembran que a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia e o SERGAS teñen a obriga de garantir unha atención sanitaria pública, de calidade e accesible, especialmente en concellos do rural como Oia, onde a poboación é máis vulnerable pola dispersión territorial e a falta de servizos alternativos.

 A agrupación socialista denuncia que esta situación non é un feito illado, senón unha mostra máis da falla de previsión, planificación e compromiso do Goberno galego coa sanidade pública no rural. A ausencia de médicos non só deixa ao municipio nunha situación de indefensión, senón que aumenta a desigualdade entre cidadáns de áreas urbanas e rurais.

 “Non se pode permitir que en Oia esteamos, na práctica, ante un cartel de Prohibido poñerse enfermo. A sanidade pública debe ser un dereito garantido, non unha lotaría que dependa da dispoñibilidade de profesionais”, subliñan dende a Agrupación Socialista de Oia.

 Por todo iso, os socialistas esixen á Xunta e ao SERGAS unha solución inmediata e estable, que garanta a cobertura médica en Oia e que poña fin a esta situación de abandono que está a sufrir a veciñanza.

Ningún comentario:

Publicar un comentario