29 de ago. de 2025

ESTÁS (TOMIÑO)

Estás celebra as súas festas nun espazo público totalmente renovado  

  O Concello de Tomiño levou a cabo a transformación da contorna da Costa e da igrexa da Peregrina, recuperando un espazo para o encontro e a convivencia da veciñanza 

 

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, con membros da Comisión de festas da Virxe da Peregrina, en Estás
Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño 

 Estás celebra esta fin de semana as súas festas da Virxe da Peregrina nun espazo renovado. A veciñanza poderá desfrutar estes días dos traballos de transformación levado a cabo polo Concello de Tomiño, que levou a cabo a remodelación integral da contorna da Costa, da estatua e da igrexa recuperando para as persoas espazos de encontro, accesibles, seguros e sostibles. 

 Cun investimento, de 375.000 euros, o Concello transformou por completo a contorna da Costa, acadando unha mellor integración da zona da praza da igrexa co vieiro que dá acceso ás vivendas a través dunha plataforma única que facilita a accesibilidade e dá prioridade ás persoas fronte ao tráfico rodado. O resultado é un espazo humanizado, seguro e máis atractivo para veciñanza, visitantes e peregrinos e peregrinas. 

 Como sinalou a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, “con esta actuación damos un paso máis na transformación do modelo urbano do noso concello. Queremos parroquias vivas, con núcleos de centralidade que funcionen como puntos de encontro e lecer, espazos agradables nos que a veciñanza poida convivir e gozar”. 

 O proxecto de reforma foi deseñado polo arquitecto tomiñés Xabier Pousa Arbones e contou cunha coidada planificación paisaxística a cargo da especialista Sinda Davila, quen concibiu un espazo verde no que a xardinaría adquire un papel protagonista, contribuíndo a crear unha contorna máis amable e integradora. 

 Na intervención empregáronse deseños e materias que permitiron poñer en valor elementos patrimoniais e identitarios como a igrexa, a estatua da Peregrina, o palco da música, o banco de pedra, a zona da fonte e os elementos de arquitectura indiana. Nese camiño de mellora do espazo reverdeceuse a contorna creando un arborado colocado de forma estratéxica en alcorques e parterres que dá maior amplitude aos espazos e contribúe a delimitar o paso de vehículos, reducindo a velocidade do tráfico rodado e facendo o vieiro máis seguro para a veciñanza.  

 Nesta recuperación de espazos, mellorouse a conexión entre o Centro Cultural de Estás e a igrexa da Peregrina e realizouse unha pequena modificación do alumeado para crear con novos puntos de luz que realzan a transformación de toda a contorna. Ademais, durante o proceso déuselle especial importancia a todas aquelas obras que non se ven mellorando o saneamento e abastecemento, dando tamén solución á problemática existente de  recollida  insuficiente das augas pluviais que en momentos de chuvias torrenciais ten xerado importantes problemas á veciñanza. O resultado é “un espazo público contemporáneo, máis humanizado no que prima o uso peonil e que pon en valor a arquitectura e mais o espazo”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario