29 de ago. de 2025

VILADESUSO (OIA)

Unha nova edición do Rei Sol chega a Viladesuso do 5 ao 7 de setembro cun programa que se amplía ata os 3 días 

  Xunto á tradicional obra teatral no Cano dos Mouros e a contemplación do solpor, o evento mantén a aposta polos xogos tradicionais e incorpora novidades: unha visita guiada nocturna, a presentación dun libro e un serán


 



Patricia Muñoz Raña /  Viladesuso (Oia)

 Viladesuso (Oia) prepárase para vivir unha fin de semana repleta de actividades culturais e de lecer para todas as idades, cunha nova edición do Rei Sol do 5 ao 7 de setembro. O evento chega este ano cunha programación que se amplía ata os 3 días, de venres a domingo, e que se repartirá entre distintas localizacións da parroquia oiense.

 O festexo, organizado pola Asociación Veciñal de San Miguel de Viladesuso e a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Viladesuso, brindará unha nova oportunidade para gozar de actividades de lecer que combinan natureza, cultura e tradición popular nun ambiente de convivencia veciñal, celebración e posta en valor do patrimonio.

 Ás actividades emblemáticas deste festexo, como son a obra de teatro veciñal na contorna do castro do Cano dos Mouros e a observación do pór do sol, uniranse este ano varias propostas novidosas. Entre elas destaca a presentación do libro “A figueira máxica”, unha visita guiada nocturna e un serán coincidindo coa contemplación do solpor. Así mesmo, tendo en conta a boa acollida do ano pasado, dentro das actividades lúdicas manterase a oferta de xogos populares.

 Todas as actividades do programa son gratuítas e non requiren inscrición previa. Ademais, tanto o sábado pola tarde como o domingo haberá bebida e empanadillas a prezos populares. Para máis información sobre as actividades, puntos de encontro e localizacións pode consultarse a seguinte ligazón: https://amodoturismo.com/festival-rei-sol-viladesuso-oia-2025/

Programa: tres días de cultura, festa e lecer

 As propostas culturais comezarán á tardiña do venres 5 de setembro, aproveitando as últimas horas de luz para facer un pequeno paseo e unha visita nocturna que percorrerá distintos petróglifos situados no monte comunal de Viladesuso. Guiada polo proxecto local Amodo Turismo, esta experiencia patrimonial baixo as estrelas tratará de dar a coñecer algunhas das representacións máis senlleiras da arte rupestre da parroquia. O punto de encontro será a caseta de cazadores de Mougás.

 As actividades continuarán o sábado 6 de setembro cunha ampla proposta de xogos tradicionais para todos os públicos. A área de lecer do Cabezo (a carón da estrada PO-552 que une Baiona e A Guarda) será o escenario dunha divertida tarde de xogos populares, tanto individuais como colectivos (chave, ra, lanzamento de sacho, carreiras de sacos, a comba, as cadeiras e o pano, entre outros). A tarde de xogos estará  amenizada pola música tradicional do grupo Deixandar.

 O día grande do Rei Sol será o domingo 7 de setembro, con actividades en horario de mañá e de tarde. Así, a casa de montes de Viladesuso acollerá a presentación do libro “A figueira máxica”, a primeira obra literaria de Dalia González Pulido, veciña da parroquia.  A presentación comezará ás 12:00 horas e contará coa participación musical de Gloria Rodríguez Gil, que tamén é veciña do concello de Oia. Deste xeito a actividade converterase en toda unha mostra de talento local no que literatura e música camiñan da man.

 O domingo pola tarde a programación trasladarase ao Cano dos Mouros, onde, a partir das 17:00 horas, haberá obradoiros infantís con xogos e actividades de temática prehistórica e, a continuación, unha visita guiada especial. No itinerario guiado explicaranse distintas zonas do castro e a lenda do Rei Sol, relato popular que dá nome ao festival. Ás 19:00 horas chegará a quenda do teatro, unha das actividades máis agardadas en cada edición, posto que é produto do traballo voluntario da veciñanza da contorna. Neste ano, a formación local "O mellor de cada casa" presentará a súa obra “O ouro de Gallaecia”, unha divertida peza para todos os públicos e confeccionada especificamente para o festexo. Por último, e ao igual que en anteriores edicións do Rei Sol, o fin de festa chegará a partir das 20:00h coa combinación de música e contemplación do pór do sol. E, como novidade este ano, a organización convida a todas as persoas asistentes a levar os seus instrumentos para rematar a xornada cun serán ao solpor. Un broche de ouro para un festexo xa consolidado no calendario local e que quere enxalzar o espírito comunitario e as tradicións máis queridas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario