“Prohibido poñerse enfermo en Oia”: o Centro de Saúde queda sen médicos dende este xoves
• A Agrupación Socialista de Oia denuncia a grave situación sanitaria do municipio e esixe á Consellería de Sanidade e ao SERGAS que garantan un servizo médico digno para a veciñanza.
Infogauda / Oia
A Agrupación do PSdeG-PSOE de Oia manifesta publicamente a súa fonda preocupación pola
situación que se está a vivir no Centro de Saúde de Oia, que dende este
xoves permanece sen servizo médico debido á ausencia dos dous facultativos
asignados ao municipio.
Isto significa que, durante a xornada, os veciños e
veciñas de Oia quedaron completamente desatendidos, sen posibilidade de
acceder a consultas médicas no seu propio centro sanitario, o que supón un
grave risco para a saúde da poboación.
Dende o PSOE de Oia lembran que a Consellería de
Sanidade da Xunta de Galicia e o SERGAS teñen a obriga de garantir
unha atención sanitaria pública, de calidade e accesible, especialmente
en concellos do rural como Oia, onde a poboación é máis vulnerable pola
dispersión territorial e a falta de servizos alternativos.
A agrupación socialista denuncia que esta situación
non é un feito illado, senón unha mostra máis da falla de previsión,
planificación e compromiso do Goberno galego coa sanidade pública no rural.
A ausencia de médicos non só deixa ao municipio nunha situación de indefensión,
senón que aumenta a desigualdade entre cidadáns de áreas urbanas e rurais.
“Non se pode permitir que en Oia esteamos, na
práctica, ante un cartel de Prohibido poñerse enfermo. A sanidade
pública debe ser un dereito garantido, non unha lotaría que dependa da
dispoñibilidade de profesionais”, subliñan dende a Agrupación Socialista de
Oia.
Por todo iso, os socialistas esixen á Xunta e ao SERGAS unha solución inmediata e estable, que garanta a cobertura médica en Oia e que poña fin a esta situación de abandono que está a sufrir a veciñanza.
Ningún comentario:
Publicar un comentario