Música e cinema pechan o verán no Rosal
• O programa estival combina o concerto de Mastretta e a actuación do cuarteto de trompas Catro Cores coa proxección das mellores curtametraxes da Mostra de Cinema 2025
Infogauda / O Rosal
O sábado 30 de agosto, ás 21:00 horas, a praza do Calvario acollerá o concerto da Banda Mastretta, pechando o ciclo de Tardeos na Praza. Liderado por Nacho Mastretta, músico e compositor recoñecido, o grupo reunirá intérpretes de diferentes xeracións e nacionalidades, achegando un son orixinal e diverso.
Entre os membros destaca Pablo Novoa, músico vigués que actualmente reside no Rosal. Destacar, ademáis que os concertos de Mastretta caracterízanse pola emoción, a sorpresa e a improvisación colectiva, convertendo cada actuación nunha experiencia única.
Ao día seguinte, o domingo 31 de agosto, ás 21:00 horas, a Escola de Fornelos será escenario do peche da programación estival con Catro Cores e a proxección das mellores curtametraxes da Mostra de Cinema 2025, dentro do marco do Rosal Cámara Fest e do programa Cultura polos Barrios.
Formado por catro mulleres, Catro Cores é actualmente o único cuarteto de trompas de Galicia e procura difundir a sonoridade deste instrumento a través de diferentes estilos musicais adaptados ou compostos para trompa. A combinación da música co cinema ofrece unha experiencia cultural completa e accesible para todos os públicos.
Con estas iniciativas, O Rosal pecha un verán cargado de propostas culturais que buscan achegar a música e o cinema á cidadanía, fomentando a participación e o disfrute da cultura local.
Ningún comentario:
Publicar un comentario