25 de ago. de 2025

DEPORTES

OURO EN CANOA, E PRATA EN CROSS, PARA NEREA ÁLVAREZ 

 E VARIAS MEDALLAS POR EQUIPOS PARA OS TEIXUGOS, NO CAMPIONATO DE ESPAÑA POR COMUNIDADES AUTÓNOMAS 


Representación do Club Deportivo Miño-Teixugos coas respectivas medallas logradas
Representación galega no Campionato de España de Slálom e Caiac Cross por Seleccións Autonómicas

Informa (fotografías e redacción): Rosa Fernández Carrera 

 Esta fin de semana celebrouse na localidade catalá de Ponts o Campionato de España de Slálom e Caiac Cross por Seleccións Autonómicas. Nesta competición participan deportistas das categorías infantil e cadete, entre doce e dezaseis anos, organizados por equipos autonómicos. Cada equipo estaba formado polos tres mellores piragüistas de cada comunidade e categoría. Seis teixugos foron seleccionados para formar parte do equipo galego.  

 O equipo infantil feminino era integramente do Club Deportivo Miño-Teixugos. En canoa Nerea Álvarez dominou a competición, facendo o mellor tempo das dúas mangas, gañando o ouro; Catalina Sánchez rematou sexta e Leila Álvarez oitava. En patrullas, onde baixan as tres xuntas, o equipo formado por Leila, Nerea e Catalina conseguiu a medalla de prata. En caiac a mellor foi Rita Olveira que rematou quinta, Leila Álvarez sexta e Nerea Álvarez sétima. Na competición por equipos ou patrullas Rita, Leila e Nerea acadaron a prata ao rematar segundas.  

 Brais Álvarez formou parte do equipo de K1 cadete, foi décimo sétimo. Na competición por equipos, xunto con Pedro Cacabelos, do Tea, de Mondariz e Martín Prats, do Quixós, remataron cuartos.  

 Lois Montenegro como integrante do equipo infantil de K1 acabou décimo primeiro. En patrullas, xunto con Mario Leda, do Tea, e Xoel Fernández, do Quixós, conseguiron a medalla de bronce.  

 O domingo foi o día do caiac cross. Comezaron coas contra reloxos que daban o pase as loitas. Aclarar que nestas categorías as loitas fanse de dous e non de catro. Pasaban de ronda os oito mellores tempos.  

 En cadete masculino Brais Álvarez foi vixésimo, Lois Montenegro en infantil rematou tamén vixésimo.  

 En infantil feminino pasaron ronda Nerea Álvarez, Leila Álvarez e Rita Olveira ao rematar cuarta, sexta e sétima, respectivamente. Catalina Sánchez quedou fóra pola mínima ao rematar novena. 

 Na fase de enfrontamentos Leila e Rita caeron en cuartos mentres que Nerea chegou á final, rematando segunda por detrás da vasca Maddi Aramendia, conseguindo a súa terceira medalla neste campionato.  

 Na clasificación final por equipos a Federación Galega foi terceira con 314 puntos, a pouca distancia da Catalá, 371 puntos, e da Vasca, 372 puntos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario