20 de ago. de 2025

GALIZA

Dúas novas localidades súmanse ás protestas para denunciar que a política forestal do PP “queima os nosos montes e as nosas casas” 

 A plataforma ‘Por un monte galego con futuro’ fai público o manifesto que se lerá ao remate das 28 concentracións que terán lugar este xoves 21 de agosto  




Infogauda / Galiza 

 As localidades da Cañiza e de Ponteareas tamén acollerán mobilizacións este xoves 21 para rexeitar a política forestal do PP “que queima os nosos montes e as nosas casas”, de xeito que a iniciativa promovida pola plataforma ‘Por un monte galego con futuro’ ante a actual vaga de lumes incluirá un total de 28 concentracións por todo o país a partir das 20:00 horas. 

 A plataforma -integrada por máis de 50 colectivos, asociacións e organizacións e que naceu en 2018 para promover varias ILP de protección do bosque autóctono e de racionalización da xestión do monte e para amosar a súa oposición ao último Plan Forestal aprobado pola Xunta- aproveitará as mobilizacións para trasladarlle a solidariedade do pobo galego tanto ás persoas afectadas como a todo o colectivo de profesionais de prevención e extinción, “que outra volta traballa en condicións de absoluta precariedade, abandono e falta de medios”.  

 Con estas protestas en resposta á “traxedia ambiental, social, cultural e económica” que provocan os lumes preténdese evidenciar que entre as múltiples causas que están na súa orixe, como a mudanza climática, o abandono do rural e a aposta polo monocultivo de especies de crecemento rápido son as que máis inflúen nas vagas incendiarias. Neste sentido, e perante o inmediato fin da moratoria para novas plantacións de eucaliptos decretada pola Xunta para o 31 de decembro, consideran necesario reclamar unha moratoria indefinida, tal e como sinala o secretario xeral da CIG, Paulo Carril. 

 Con esta iniciativa tamén se quere denunciar que o Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galiza (PLADIGA) “é unha ferramenta inútil”, que foi aprobado sen debate nun Consello Forestal da Galiza no que non están representadas todas as organizacións e entidades relacionadas co monte e co medio rural. Finalmente, inciden en que a verdadeira política de prevención pasa por ter un monte multifuncional e sustentábel coa implicación da veciñanza comuneira e das persoas titulares particulares nesta posta en valor. “Para garantir esta multifuncionalidade faise preciso reclamar da Consellaría do Medio Rural que retome a liña de axudas para a valorización integral do monte, así como as Unidades de Xestión Forestal (UXFOR)”.  

LUGARES E HORAS DAS MOBILIZACIÓNS: 

-A Cañiza, 20h, diante do Concello. 

-A Coruña, 20h, Obelisco. 

-Allariz, 20h, Campo da Barreira. 

-Betanzos, 20h, Praza da Constitución. 

-Cangas, 20:30h, diante do Concello. 

-Carballo, 20h, Praza do Concello. 

-Celanova, 20h, Praza Maior. 

-Compostela, 20h Praza Roxa. 

-Ferrol, 20h, Edificio da Xunta. 

-Lalín, 20:30h, Praza da Igrexa. 

-Lugo, 20h, Edificio da Xunta. 

-Melide, 20h, Praza do Convento. 

-Monforte, 20:30h, Praza de España. 

-Monterroso, 20h, diante do Concello. 

-Noia, 20h, diante do Concello. 

-O Porriño, 20h, distrito forestal (Multiusos de Torneiros). 

-Ourense, 20h, Praza Maior. 

-Padrón, 20h, diante do Concello. 

-Ponteareas, 20h, diante do Concello. 

-Ponte Caldelas, 20h, Alameda. 

-Pontevedra, 20h, Praza da Peregrina. 

-Ribadeo, 20h, diante do Concello. 

-Ribeira, 20h, Praza do Concello. 

-Verín, 20h, Praza do Concello. 

-Vigo, 20h, Farol de Urzaiz. 

-Vilagarcía, 20h, diante do Concello. 

-Vilalba, 20:30h, Praza da Constitución. 

-Viveiro, 20h, diante do Concello.

Ningún comentario:

Publicar un comentario