Unha investigación entre Medio Rural e a Garda Civil logra a detención dun veciño de Arbo, presunto autor de numerosos incendios intencionados
Infogauda / Arbo
No marco dunha investigación conxunta levada a cabo por Axentes Ambientais da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO), da Consellería do Medio Rural, e do Servizo de Protección da Natureza da Garda Civil (Seprona), procedeuse á detención dun home de 47 anos, veciño da parroquia de Mourentán, no municipio de Arbo, como presunto autor de numerosos incendios forestais provocados de maneira intencionada.
O detido estaba sendo obxecto de investigación dende o ano 2022 pola súa presunta vinculación con diversos incendios rexistrados na parroquia de Mourentán, nas parroquias limítrofe e no veciño municipio da Cañiza. Nun dos sinistros chegouse a decretar a Situación Operativa 2, dada a proximidade do incendio á núcleos habitados e ao risco para a poboación.
Os últimos feitos remóntanse á noite do 25 de maio de 2025, cando se rexistrou un incendio nunha zona de monte arborado e de matogueira no termo municipal de Arbo. A rápida intervención dos servizos de extinción do Distrito Forestal XVII O Condado-A Paradanta permitiu controlar as lapas, evitando que alcanzaran vivendas próximas e que o incendio se propagara a maior escala.
As pescudas levadas a cabo polos Axentes Ambientais da UIFO e os efectivos do Seprona permitiron determinar que o lume fora provocado de xeito intencionado e identificar ao presunto autor, que foi detido e posto a disposición xudicial. De feito, esta mañá pasará a disposición do xulgado de garda de Ponteareas.
As actuacións continúan abertas e non se descartan novas dilixencias encamiñadas a esclarecer outros feitos similares ocorridos na zona.
Con esta operación a Consellería do Medio Rural, a través da UIFO, e o Seprona reiteran o seu compromiso na colaboración na loita contra os incendios forestais, que poñen en grave risco a seguridade das persoas e o patrimonio natural de Galicia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario