24 de ago. de 2025

DEPORTES

 BALONMÁN FEMININO

O Guardés cae con honras na final do Summer Bag (28-26) 

O Mecalia loitou con fiereza fronte a un Bera Bera que dominou case toda a primeira parte e chegou a liderar con nove goles de vantaxe 

A pesar de remontar ata poñerse por diante a falta de dez minutos para terminar, as vascas volveron ás andadas e tiveron a última palabra, facéndose co primeiro posto do torneo amigable 

Volveu destacar Sabina Mínguez baixo paus, xunto a Téllez, Hauptman, Serrano e Sancha como directoras dun gran ataque 

O Guardés coroa co segundo posto un torneo o que deixou dous grandes partidos nos que anotaron todas as xogadoras que saíron á pista, pechando con bo pé a pretemporada antes de comezar a liga a próxima semana 


O Mecalia Atlético Guardés non puido completar a fazaña e volve a casa co trofeo de subcampión do Torneo Summer Bag 2025
Fotos: M.A.G.

O Mecalia Atlético Guardés volve a casa co trofeo de subcampión do Torneo Summer Bag 2025

Redacción Deportes / Villacelama (León)

 O Mecalia Atlético Guardés non puido completar a fazaña e volve a casa co trofeo de subcampión do Torneo Summer Bag 2025. Tras unha rifada final ante o Super Amara Bera Bera, na que as de Ana Cristina Teixeira Seabra puideron remontar unha desvantaxe de nove goles, o equipo donostiarra reviviu ao final para levar o primeiro posto deste trofeo amigable. O deste sábado foi o último partido da pretemporada para o conxunto miñoto antes de comezar a liga Guerreras Iberdrola o vindeiro sábado 30 de agosto. 

 O marcador da gran final abriuse da man de María Sancha, quen coroaba unha primeira xogada brillante para o Guardés. Nos momentos iniciais o equipo miñoto brillou tal como facíao na semifinal contra o Málaga, con roubos de balón moi precisos e unha defensa igualmente férrea, tanto na liña dos seis metros como por parte de Amandine Balzinc baixo paus. O Bera Bera non respondeu ata pasado o terceiro minuto do comezo, e custoulle outros tres igualar o resultado (2-2, min. 6). 

 As táboas continuaron ata que, tras unha parada momentánea debido a unha caída de María Palomo que non foi máis que un golpe, Lorena Téllez acertou desde os sete metros e volveu poñer ás súas por diante; aínda que o segundo parcial desta primeira parte pechouse con outro empate debido a unha rápida resposta das vascas (4-4, min. 10). E así, aos poucos, os minutos seguíronse, con ambos os conxuntos moi parellos aínda que co Mecalia marcando o paso.  

 Ao ecuador do período, o Bera Bera lideraba (6-5, min. 15), e pareceu darse un cambio de ritmo cando pouco despois as de Imanol Arias conseguiron encadear un segundo acerto e ameazar con abrir a renda (7-5). Aínda que os dous equipos cedían o mínimo en defensa, o Guardés estaba agora máis desacertado no tiro, e unha Lucía Prades moi atenta na portería rival tampouco o poñía nada sinxelo. Un gol de penalti de Elke Karsten confirmaba a crecida vasca e obrigaba a Ana Cristina Teixeira Seabra a solicitar parar o cronómetro (8-5, min. 17). 

 Aínda por riba, a exguardesa Elena Amores aproveitouse dunha perda de balón a portería baleira e seguiu aumentando a renda. Respondeu entón Jazmín Mendoza desde o extremo co primeiro gol de mans galegas desde facía uns cinco minutos, aínda que outro acerto de Ester Somaza desde os sete metros devolveu ás donostiarras a vantaxe de catro goles (10-6, min. 20). E puido ser peor, de non ser polas importantes aparicións baixo paus de Sabina Mínguez, que estaba a facer un torneo de 10.  

 A falta de dez minutos para o descanso, o partido seguía un ritmo frenético, aínda que agora marcábao a batuta das vascas. O Mecalia deixaba accións moi destacables no xogo ofensivo, pero unha defensa algo máis desconcentrada impedíalle recuperarse, de momento, da renda que conseguira escarbar o seu rival. Con cinco minutos para irse aos vestiarios, o Bera Bera defendía a maior vantaxe ata o momento (15-09, min. 25). De novo grazas á achega de Mínguez, salvo por un penalti da man de Cristina Cifuentes e un novo acerto vasco, apenas cambiou o marcador para o descanso (16-10, min. 30). 

 A segunda parte parecía prometer a mesma tónica, pois no primeiros cinco minutos ao líder do encontro deulle tempo a estender a diferenza en dous goles máis (19-11, min. 35). O Guardés tentábao, pero seguía sen atopar un oco cómodo na muralla donostiarra, ademais de persistir varios erros na súa propia defensa dos que os seus rivais sabían aproveitarse case en cada xogada.  

 Foi grazas á superioridade numérica que lle proporcionou a exclusión de Ane Erauskin que o Mecalia volveu dar sinais de vida, aínda que cunha desvantaxe aínda moi complicada de remontar (20-13, min. 38). Pero ese era o obxectivo, polo que as de Ana Cristina Teixeira Seabra apertaron os dentes e sacaron as garras para seguir recortando todo o que podían (21-16, min. 43). Un parcial de 0-3 facía ao técnico das de Donostia chamar ao tempo morto, de maneira que quedarían quince minutos máis para saber se o Guardés era capaz de achegarse todo o que necesitaba, ou aínda que era o Bera Bera o que recuperaba o mango da tixola. 

 E foi o primeiro. Nos instantes seguintes, as da Guarda recuperaron outros tres goles en apenas dous minutos, reducindo a diferenza a tan só dúas tantos (21-19, min. 46). A tensión podía cortarse no aire cálido de Villacelama, e podía sentirse crecer tamén a confianza entre as filas do Atlético Guardés. A defensa da portería de Mínguez reforzouse ata ser infranqueable, con grandes actuacións de xogadoras como Sancha, Téllez, María Palomo ou Carme Castro, así como da propia gardameta, que non perdoaba nin unha. Un ataque que impresionaba foi o colofón para que o Mecalia remontase por completo e recuperase a igualdade no marcador no minuto 48 (21-21), da man dunha Ariana Portillo sempre certeira desde o seu extremo. 

 Tras máis de 10 minutos sen marcar, o Bera Bera reaccionou e recuperou a dianteira por uns instantes, xa que o seu rival fixo o propio e demostroulle que non volvería poñerllo tan sinxelo (22-22, min. 50). 

 O seguinte parcial de cinco minutos seguiu a mesma dinámica, co marcador encaixado na igualdade absoluta. Ata que, ao bordo do 25, o conxunto vasco encadeou dous acertos que lle daban ás para volver escaparse. Lucía Prades adiviñara dous lanzamentos importantes desde cada un dos extremos, o que, sumado a un penalti posterior a favor de Karsten, freaba as posibilidades do Mecalia (26-23, min. 56). 

 O Guardés xa pensaba que podería inventarse para conseguir, polo menos, un empate que volvese decidir o partido na liña de sete metros. Pero unha perda de balón deixou ao Bera Bera ante a súa portería baleira e a renda xa se foi aos catro goles, facendo desvanecerse un pouco máis a confianza na vitoria. E aínda que Sancha encaixou un penalti da súa propia man que renovou as expectativas, acabóuselles o tempo ás de Ana Cristina Teixeira Seabra. Rosane Serrano pechou o marcador cun último gol desde a liña de sete metros fóra de tempo, deixando ao Mecalia en segundo posto do Summer Bag 2025 (28-26, final).   

Super Amara Bera Bera (16+12): Anne Erauskin (1), Ester Ogonovszky (1), Lyndie Tchaptchet (1), Ester Somaza (3), Laura Hernández (3), Elba Álvarez (3), Nicole Wiggins (p.) [sete inicial], Lisanne Kruijswijk, Maitane Echeverria (2), Elke Karsten (5), Elena Amores (1), Micaela Rodrigues (3), Giuliana Gavilán (3), Carmen Arroyo (2), Elene Fresco e Lucía Prades (p.). 

Mecalia Atlético Guardés (10+16): Ania Ramos (2), Blazka Hauptman (2), María Sancha (5), María Palomo (1), Lorena Téllez (4), Carme Castro (3), Amandine Balzinc (p.) [sete inicial], Sabina Mínguez (p.), Jazmín Mendoza (2), Cecilia Cacheda, Rosane Serrano (2), Elena Martínez (1), Cristina Cifuentes (1), Nerea Gil, Ariana Portillo (1) e Anouk Nieuwenweg (2). 

Marcador cada cinco minutos: 1-2, 4-4, 6-5, 10-6, 14-9, 16-10, 19-11, 21-14, 21-18, 22-21, 25-23, 28-26. 

Árbitros: Pablo Castellanos e Pablo González. Excluíron con dous minutos ás locais Laura Hernández, Maitane Echeverria, Elke Karsten, Anne Erauskin e Giuliana Gavilán e ás visitantes Blazka Hauptman e María Palomo (2). 

Incidencias: Final do Torneo Summer Bag 2025, disputado no polideportivo de Villacelama (León).

Ningún comentario:

Publicar un comentario