29 de xul. de 2025

VIGO

“PEIXES PROTECTORES”: SAÚDE, VERSATILIDADE E SUSTENTABILIDADE PARA UNHA CAMPAÑA QUE PERCORRERÁ GALICIA DE XULLO A NOVEMBRO  

 INTERFISH-ESPAÑA lanza unha iniciativa prolongada no tempo para achegar ao consumidor o valor do peixe espada, marraxo e tintorera, con accións divulgativas, científicas e sectoriais  

 A campaña inclúe presenza en medios, accións en rúa, un simposio científico e a participación en Conxemar e no congreso nacional de FESNAD.  


O multitudinario evento celebrado no restaurante Albatros de Vigo contou coa presenza do sector e de autoridades 
Diferentes preparacións das tres especies capturadas pola frota galega e de gran valor nutricional: o peixe espada, o marraxo e a tintorera


Mar Bermúdez / Vigo

 A campaña “Coñece os nosos Peixes Protectores”, impulsada por INTERFISH-ESPAÑA —a única interprofesional pesqueira do país—, desenvólvese entre os meses de xullo e novembro cun completo plan de accións dirixidas a poñer en valor ante a cidadanía tres especies capturadas pola frota galega e de gran valor nutricional: o peixe espada, o marraxo e a tintorera. 

 As tres mensaxes que articulan a campaña son claros: saúde, versatilidade e sustentabilidade. Ao longo de cinco meses, INTERFISH estará presente en medios de comunicación xeneralistas (televisión, prensa, radio, dixital) e en soportes exteriores urbanos e de transporte —valas, mupis, estacións, autobuses—, con pezas divulgativas que subliñan a achega destas especies a unha alimentación equilibrada, saborosa e conectada coa contorna mariña. 

Unha campaña viva e multisectorial 

 A campaña incorpora tamén accións directas como unha gastroneta itinerante, que percorre distintas localidades costeiras galegas durante o verán, achegando á cidadanía degustacións, receitarios e información útil. Unha forma tanxible de xerar contacto directo co produto e abrir conversación co consumidor. 

 En paralelo, INTERFISH-ESPAÑA participará na feira Conxemar, un dos grandes escaparates internacionais do sector pesqueiro, onde continuará difundindo as mensaxes centrais da campaña ante operadores, distribuidores e medios especializados.  

Un simposio e un decálogo para reforzar o respaldo científico 

 Os días 28 e 29 de outubro, o Museo do Mar de Galicia (Vigo) acollerá o Simposio “Pescado, Saúde e Sustentabilidade”, que reunirá a profesionais do ámbito sanitario, educativo e institucional. Alí presentarase o I Decálogo Científico de Posicionamento sobre Saúde e Sustentabilidade, elaborado por un comité de especialistas en distintas disciplinas médicas e nutricionais. 

 Este decálogo tamén se dará a coñecer no congreso nacional da Federación Española de Sociedades de Nutrición, Alimentación e Dietética (FESNAD), que se celebra en novembro, reforzando así a súa difusión e validación en contornas profesionais. 

 O multitudinario evento celebrado no restaurante Albatros de Vigo contou coa presenza do sector e de autoridades como o alcalde da cidade, Abel Caballero; a conselleira do Mar, Marta Villaverde; o delegado de Estado na Zona Franca de Vigo, David Regades; a senadora Carmela Silva; a concelleira e parlamentaria Elena Espinosa; e a delegada da Xunta en Vigo, Ana  Ortiz. 

 Todos puideron gozar, tras a presentación oficial do detalle da campaña por parte de Gabriel Ocaña, asesor xurídico de Interfish, e do saúdo desde un palangreiro no Pacífico do presidente da interprofesional, Joaquín Cadilla, dun variado menú degustación de pratos elaborados con peixe espada, marraxo e tintorera.  

Un compromiso do sector que vai máis aló da promoción 

 A campaña “Coñece os nosos Peixes Protectores” conta con financiamento público e sectorial, pero introduce unha novidade significativa: a implicación directa dos armadores, que achegan recursos propios en función da tonelada capturada. Unha forma de apoiar con feitos o compromiso do sector pesqueiro coa promoción responsable, o produto de calidade e o dereito a unha información alimentaria rigorosa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario