Apertura do Centro de Saúde Olimpia Valencia
Plataforma SOS Sanidade Pública da Área Sanitaria de Vigo
Diante das noticias de prensa sobre a apertura do novo Centro de Saúde Olimpia Valencia, a primeira impresión que tivemos foi que se trataba dunha boa noticia.
Pero despois de saber que se abre pechando outros recursos asistenciais e cambiando de sitio a profesionais, a sensación que nos queda é de oportunidade perdida para iniciar a RECONSTRUCIÓN da Atención Primaria da Área Sanitaria de Vigo.
Abrir o Centro de Saúde Olimpia Valencia vai significar o traslado do Centro de Saúde de López Mora (xa planificado polas condicións do seu espazo), o traslado do C.S. de Nicolas Peña, co peche deste Centro na súa localización actual, e o traslado de parte de profesionais dos Centros de Saúde de Pintor Colmeiro, Coia, Rúa Cuba, Beiramar e Rosalía de Castro.
Entre as e os profesionais que se trasladan ao novo centro están os de Pediatría, tanto dos centros que pechan como os de Pintor Colmeiro e Coia. Pretenden deixar estes dous últimos centros sen pediatría.
Pretenden concentrar a atención pediátrica nun só centro, nun ensaio dun novo modelo organizativo que permite exclusivamente garantir a cobertura de ausencias entre profesionais do propio centro, o que garante a precariedade asistencial continua destes profesionais. Este cambio de modelo non ten en conta as necesidades de continuidade asistencial da Atención Primaria, que atende as necesidades sanitarias da poboación desde o inicio ata o fin da vida con equipos multidisciplinares.
A apertura do novo centro nestas condición non supón incrementar profesionais senón cambialos de sitio, perdendo a oportunidade de planificar unha reordenación da Atención Primaria dunha área de Vigo densamente poboada e con centros masificados e sen posibilidades de crecemento.
Un aspecto importante, é que a planificación para a apertura do novo centro Olimpia Valencia, realizouse sen ter en conta a participación de profesionais e cidadáns afectados, cunha absoluta falta de transparencia e sen solicitar a opinión de sociedades científicas e profesionais, asociacións veciñais e outras entidades representativas, so cando xa tiñan todo decidido, e diante da presión das Organizacións Sindicais, a Xerencia comunicou á representación legal das traballadoras e traballadores o contido do plan.
Novamente a Consellería de Sanidade non atende ás necesidades asistenciais da Área Sanitaria de Vigo e practica a política de terra queimada coas estruturas sanitarias, como foi o caso do Policlínico Cíes, regalado a Ibermutua, do Centro de Especialidades de Coia, a Aspanaex e parte do C.E. da Dobrada a Afaga.
Reclamamos un Plan de investimento para a Área Sanitaria de Vigo.
A Plataforma SOS Sanidade Pública da Área Sanitaria de Vigo esixe á Consellería de Sanidade que desenvolva un plan de investimentos que permita recuperar os recursos asistenciais públicos previstos inicialmente no deseño e planificación da nosa Área Sanitaria, no momento que se decidiu a construción do Novo Hospital de Vigo, no ano 2006.
O cambio de modelo do Novo Hospital de Vigo supuxo a renuncia do Partido Popular a dotarnos dos recursos sanitarios públicos necesarios para atender ao 100% da cidadanía e condenou a unha parte desa cidadanía a ser atendida nun hospital privado, nas condicións establecidas pola empresa propietaria dese hospital.
Por estas razóns a Plataforma SOS Sanidade Pública da Área Sanitaria de Vigo reclama:
• A ampliación do Hospital Álvaro Cunqueiro, recuperando o plan funcional inicial do Novo Hospital de Vigo, con 1265 camas para dar cobertura a toda a cidadanía da área de Vigo e recuperando a poboación de referencia que na actualidade ten a Povisa como centro de referencia.
• A reordenación asistencial da área urbana de Vigo, reivindicando un Centro de Alta Resolución (CAR) coas especialidades máis demandadas pola poboación no centro de Vigo, dado que a implantación do Álvaro Cunqueiro no extra radio da cidade provocou un distanciamento dos recursos hospitalarios da zona con maior densidade de poboación, e de esta maneira minimizar a sensación de perdida de accesibilidade da cidadanía.
• Un “Plan de Mellora da Atención Primaria para a Área Sanitaria de Vigo”, consensuado con profesionais e sindicatos, que permita a RECONSTRUCIÓN da Atención Primaria, con aumento da inversión, que parta dunha análise rigorosa da situación de recursos dos centros de saúde e adecualos ás necesidade poboacionais segundo os ratios de persoal que recomenda a OMS, para reducir as demoras existente na asistencia, que hoxe oscilan entre 10 e 15 días para unha primeira cita, así como para reforzar os Puntos de Atención Continuada (PACs).
Para facer todo isto posible, a Plataforma SOS Sanidade Pública da Área Sanitaria de Vigo reclama o incremento do investimento en sanidade pública na Área Sanitaria de Vigo nos próximos orzamentos da Xunta de Galicia.
Vigo, 22 de xullo de 2025
Ningún comentario:
Publicar un comentario