11 de xul. de 2025

TUI

A Xunta inicia as obras do novo treito da autovía Tui-A Guarda entre o enlace do polígono de Areas e a PO-350, nas que inviste case 18 M€ 

  A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou hoxe os traballos, que discorren polos concellos de Tui e Tomiño

  A conselleira subliña o compromiso da Xunta para ir sumando quilómetros nas vías de altas prestacións “cunha planificación ben estudada e coa necesaria dotación de recursos”


A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto ao delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou hoxe o inicio dos traballos
Foto: X.G.

Infogauda / Tui

 A Xunta de Galicia vén de iniciar as obras do novo treito da autovía Tui-A Guarda, entre o enlace do polígono de Areas e a PO-350, que discorrerá polos concellos de Tui e Tomiño. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto ao delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou hoxe o inicio dos traballos, nos que a Administración autonómica inviste preto de 18 M€ (17,8 M€) e que teñen un prazo de execución de 24 meses.  

 A conselleira destacou que co arranque desta obra dáse outro paso fundamental para seguir avanzando nesta estrada AG-42, no marco do compromiso que a Xunta mantén para ir sumando cada ano novos quilómetros de vías de altas prestacións, ademais de garantir a conservación da rede viaria autonómica, “cunha planificación ben estudada e coa necesaria dotación de recursos”. “É o noso compromiso para seguir vertebrando Galicia con infraestruturas eficientes, modernas e sostibles”, apuntou.  

 O tramo de actuación suma 3,2 quilómetros que dan continuidade ao treito de conexión da A-55 co polígono de Areas posto en servizo o pasado ano. Cada unha das calzadas terá 2 carrís de 3,5 m ancho, e a autovía contará con amplas beiravías tanto no exterior como no  interior.  

 Ademais, entre outras actuacións, melloraranse camiños de servizo en Tomiño, ampliarase a ponte de pedra na PO-350, moi próxima ao enlace da autovía, que a día de hoxe non permite que se crucen dous vehículos pesados. E duplicarase o paso inferior de acceso ao polígono de Areas. “Polo tanto -afirmou Allegue-, este treito é clave tamén para facilitar o acceso e a mobilidade neste polígono, un enclave empresarial estratéxico”.  

 A conselleira destacou que a autovía estase a executar “cunha planificación realista, por fases, que estamos a materializar”, avanzando de acordo a ese plan e ao trazado deseñado, dialogado cos principais axentes institucionais e económicos implicados.

Ningún comentario:

Publicar un comentario