24 de xul. de 2025

TOMIÑO

Tomiño inicia as obras de mellora da Rúa República Arxentina, completando o modelo urbano de recuperación dos espazos públicos para as persoas 

  A actuación centrarase no acondicionamento do lado sur da rúa, mellorando a mobilidade peonil e conectando os principais equipamentos públicos da Rocha co Seixo 

•  Esta está enmarcada no proxecto ‘Integra Tomiño’, que conta cun financiamento dun millón de euros e que inclúe tamén a próxima rehabilitación integral da Casa da Cultura


O Concello de Tomiño anuncia o inminente inicio das obras de mellora na Rúa República Arxentina
Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño

 O Concello de Tomiño anuncia o inminente inicio das obras de mellora na Rúa República Arxentina, unha actuación centrada na marxe sur desta vía que permitirá completar o itinerario peonil entre os principais equipamentos públicos do núcleo do Seixo. Esta obra, que comezará ao longo da vindeira semana, forma parte do proxecto integral Integra Tomiño, cofinanciado pola Deputación de Pontevedra a través do programa PON2030. 

 Cun investimento global de 1,3 millóns de euros, o proxecto inclúe tamén a rehabilitación enerxética integral da Casa da Cultura, actuación que comezará pouco despois. En conxunto, o obxectivo de Integra Tomiño é crear un espazo público cohesionado, funcional e amable, que facilite os desprazamentos a pé e conecte con criterios de accesibilidade os diferentes servizos públicos do Seixo. 

 “A marxe norte da rúa xa fora mellorada en anteriores fases. Agora completamos a intervención cun itinerario peonil continuo no lado sur de 2.5 metros de largo, que reforzará a conectividade segura e accesible entre equipamentos como o centro de saúde, o instituto, o pavillón da Carballa, o centro de día, a Policía Local e os servizos sociais”, explica a alcaldesa Sandra González. “Queremos que a veciñanza poida moverse con facilidade e seguridade, recuperando o espazo público para as persoas, nunha liña coherente co modelo urbano que vimos impulsando en Tomiño”. 

 A actuación contempla a creación dunha plataforma única, zonas de estancia e axardinamento, medidas de calmado de tráfico (cunha velocidade máxima de 30km/h) e a reconfiguración do viario entre a Avenida República Arxentina e o edificio de Benestar Social, xerando tamén unha zona de estacionamento, así como o tramo posterior á Casa da Cultura, ata o centro de atención a persoas con discapacidade. Deste xeito, permitirase unha conexión directa e homoxénea coa zona de preferencia peonil do Seixo, garantindo unha total accesibilidade. 

 O proxecto Integra Tomiño foi seleccionado entre as mellores propostas do PON2030, acadando a oitava mellor puntuación entre as 40 iniciativas subvencionadas. Un recoñecemento ao modelo de vila integradora e pensada para as persoas que Tomiño leva desenvolvendo nos últimos anos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario