15 de xul. de 2025

TOMIÑO

Dobre plan musical en Tomiño para vibrar ao son do románico e das bandas  

 O Concello ofrece este venres 18, un serán cheo de melodías únicas con Lulavai, na igrexa de Santa María, e co XXVIII Encontro de Bandas de Goián no Espazo Fortaleza 

 



Infogauda / Tomiño 

 Serán en Tomiño cargado de música, emoción e arte nunha xornada que promete converterse nunha experiencia inesquecible para o público. Este venres 18 de xullo dous escenarios privilexiados acollerán dúas citas imprescindibles para deixar que o talento e a beleza do patrimonio local se dean a man. 

 Por un lado, a partir das 20.30 horas, o programa Música&Románico chega á igrexa de Santa María de Tomiño da man de Lulavai, un cuarteto formado por Lorena Reinaldo, Paula Oanes, Josefa Fernández e Elena Paz que traerá ao templo tomiñés a maxia das súas arpas celtas e a suavidade das súas voces, creando un estilo propio que xa conquistou escenarios de todo o país. 

 Para rematar o día, ás 21.00 horas, o Espazo Fortaleza será o escenario do XXVIII Encontro de Bandas de Música de Goián dentro do programa Son&Serán do Concello. Unha ocasión única para gozar do solpor á beira do Miño, cun concerto ao aire libre aberto a todos os públicos e de balde, no que a Agrupación Musical de Goián actuará como anfitrioa e compartirá escenario coa Banda de Música de Salcedo, como banda convidada. 

 A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, convidou a toda a veciñanza e visitantes “a participar desta dobre proposta musical que combina cultura, patrimonio e convivencia, facendo de Tomiño un lugar onde a música é motor de encontro e desfrute colectivo”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario