Desvelado o programa do Festival ADETO ‘25
• Unha fin de semana de comercio, artesanía, música, actuacións e diversión
Gonzalo Lomba / Tomiño
O venres, 18 de xullo, a partir das 18:00h, comezará unha nova edición do Festival ADETO, un evento no que os postos de comercio e artesanía van acompañados de actividades e diversión para toda a familia no centro de Tomiño.
No programa, que vén de darse a coñecer, hai varias actuacións como a de Manu Pereyra, o sábado, ou a do mago Samuel Moreno, o domingo, ás que hai que engadir o concerto de Mondra, dentro do programa +Música da Diputación de Pontevedra que terá lugar o sábado tamén na praza do Seixo.
Ademais de música, o sábado haberá un inchable e talleres infantís a cargo de Canguriños para os máis pequenos, o domingo o CPA Royal convida a todo aquel que o desexe a patinar con eles na praza e para rematar o evento celebrarase unha Festa Holi&Espuma apta para todos os públicos.
Pero non queda aí a cousa: o ximnasio MeuFit organizará unha clase maxistral o venres, e retos cada día do festival, con premios para os participantes. Durante todo o evento haberá unha exposición de pintura ao aire libre; a OMIX realizará unha nova xornada de adopción canina e felina; e ADETO presentará a plataforma LoPróximo, xa en funcionamento no comercio de Tomiño.
Tres días nos que o comercio local de Tomiño celebra a súa festa saíndo á rúa e animando á xente a achegarse aos postos e participar das actividades paralelas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario