15 de xul. de 2025

BAIONA

PORTOS DE GALICIA, O CONCELLO DE BAIONA E O BANCO SABADELL ASINARÁN UN CONVENIO PARA A MELLORA DO PEIRAO DA DOCA CUN INVESTIMENTO DE 422.750 EUROS 

   A actuación incluirá o saneamento do peirao e o reforzo da estrutura coa retirada da plataforma da explanada, así como o pintado cunha imaxe artística 


Vista parcial do porto pesqueiro de Baiona
Foto: Cedida

Infogauda / Baiona

 Portos de Galicia, o Concello de Baiona e o Banco Sabadell asinarán un convenio de colaboración para a mellora do peirao da Doca do municipio a través dunha actuación orzada en 422.750 euros. O Consello da Xunta autorizou hoxe este acordo, que permitirá mellorar a imaxe dunha infraestrutura emblemática da vila e que permite, ademais, o tránsito peonil pola súa superficie. 

 As obras serán cofinanciadas a través de Portos de Galicia e o Banco Sabadell. O ente público achegará 332.750 euros para o saneamento da Doca e reforzo da estrutura, mentres que a entidade bancaria proporcionará 90.000 euros para o financiamento da obra artística. Pola súa parte, o Concello de Baiona encargarase de tramitar os permisos para a actividade e organizar e supervisar o seu desenvolvemento. 

 Así mesmo, será a Administración local a encargada de elaborar o proxecto artístico a través dun proceso participativo e contratar o/a artista finalmente seleccionado/a. Este proxecto busca converterse nun punto de referencia cultural e turístico en Baiona, promovendo o coñecemento da tradición pesqueira e a conservación do contorno mariño.

Ningún comentario:

Publicar un comentario