Luis López anuncia unha nova partida de 2 millóns de euros para a execución de cunetas de seguridade na rede viaria provincial no 2025
“Nunha semana aprobamos 6,4 millóns de euros para garantir o óptimo estado das estradas provinciais: aos dous millóns que aprobamos hoxe hai que engadir os 4,4 que aprobamos a pasada semana para a conservación de firmes”, remarcou o presidente
Infogauda / Pontevedra
Luis López acaba de anunciar unha nova partida de 2 millóns de euros para a execución de cunetas de seguridade na rede viaria provincial. “Nunha semana aprobamos 6,4 millóns de euros para garantir o óptimo estado das estradas provinciais: aos dous millóns que aprobamos hoxe hai que engadir os 4,4 que aprobamos a pasada semana para a conservación de firmes”, remarcou o presidente. Neste eido, engadiu que “seguimos sumando recursos para estas vías, fundamentais na vertebración do noso territorio, para garantir que os seus 1.700 km estean en condicións axeitadas e avanzar, así, na mellora da calidade de vida da nosa veciñanza”, subliñou López.
En total, aprobáronse os tres lotes que constitúen este acordo marco para a execución de cunetas de seguridade na rede viaria provincial que, tal e como explicou o presidente, van permitir mellorar a drenaxe das estradas e tamén a seguridade, ao configurar espazos para que as persoas condutoras poidan reconducir a súa traxectoria en caso de saída da calzada.
Ao detalle, a través do lote 1, investiranse máis de 665.000 euros, na execución de cunetas na zona norte da provincia que abrangue as comarcas do Deza, Terra de Montes e Caldas. Pola súa banda, a través do lote 2, cun orzamento de máis de 738.200 euros, impulsaranse cunetas na zona central da provincia que contempla as comarcas de Pontevedra, O Morrazo, Vigo, O Salnés e Caldas. E a través do lote 3, dotado con 600.000 euros, dotarase de cunetas de seguridade a estradas provinciais da zona sur que abrangue as comarcas de Vigo, O Baixo Miño, O Condado e A Paradanta.
Ningún comentario:
Publicar un comentario