31 de xul. de 2025

OIA

Aberto o prazo de inscrición do curso “Prevención de riscos laborais en atención directa a persoas con dependencias e axuda no fogar”  

  O curso realizarase na Aula Mentor situada na planta baixa da Casa do Concello de Oia, os sábados 6, 13 e 20 de setembro, de 10.00 a 14.00 horas 




Infogauda / Oia   

 O próximo mes de setembro terá lugar en Oia un curso de prevención de riscos laborais en tarefas de atención directa a persoas con dependencias e axuda no fogar. A actividade, gratuíta e de 12 horas de duración repartidas ao longo de tres xornadas, está organizada polo ISSGA (Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia-Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade).  

 O curso realizarase na Aula Mentor situada na planta baixa da Casa do Concello os sábados 6, 13 e 20 de setembro en horario de 10.00 a 14.00 horas. O prazo para solicitar praza está aberto ata o 25 de agosto e as persoas interesadas poden contactar no correo electrónico direccion@gplus.es   

 A actividade levarase a cabo sempre que se xunte un grupo mínimo e ata cubrir o máximo de 15 prazas dispoñibles. Para máis información pódese chamar aos números de teléfono 981 392 209 e 636 141 474 ou ben consultar a web do ISSGA: https://issga.xunta.gal/gl   

 Este curso ten por obxectivo proporcionar unha formación específica ás persoas traballadoras e profesionais do sector en materia de prevención dos riscos laborais inherentes ás actividades de atención directa a persoas con dependencias e axuda no fogar. Deste xeito, búscase fomentar a adquisición de habilidades nesa materia así como dunha cultura preventiva e diminuír os accidentes laborais no sector.

Ningún comentario:

Publicar un comentario