11 de xul. de 2025

O ROSAL

O Rosal énchese de voces e emoción cun encontro coral na igrexa de Santa Mariña  

 O evento, organizado pola Agrupación Musical do Rosal en colaboración co Concello, será este domingo, 13 de xullo, ás 20.00 horas, con entrada de balde   




Infogauda / O Rosal

 As paredes centenarias da igrexa de Santa Mariña do Rosal converteranse este domingo 13 de xullo nun escenario vivo onde a música coral, cargada de emoción e harmonía, fará vibrar cada recuncho. A partir das 20.00 horas, O Rosal acollerá un encontro coral que reunirá tres formacións chegadas de diferentes puntos da provincia para ofrecer un serán inesquecible. 

 Organizado pola Agrupación Musical do Rosal en colaboración co Concello, con esta cita búscase seguir fomentando a cultura e o goce da música no municipio. Durante o encontro, o público poderá gozar das interpretacións da Coral Máximo Gorki, de Vigo; da Coral Novos Aires, de Nigrán; e da anfitrioa, a Coral da Agrupación Musical do Rosal, que se unirán nunha tarde pensada para deixar pegada nos sentidos e no corazón. A entrada será totalmente gratuíta para todas as persoas que desexen achegarse a descubrir ou redescubrir a beleza da música coral nun marco incomparable. 

 A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, subliña que “será unha oportunidade marabillosa para deixar que a música nos una e nos emocione, nun espazo tan especial coma a nosa igrexa de Santa Mariña. Animamos a toda a veciñanza e ás persoas que nos queiran visitar a participar e vivir con nós esta experiencia”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario