11 de xul. de 2025

GALIZA

A CIG-Servizos convoca concentracións simultáneas 

 En demanda de convenios colectivos dignos para as traballadoras das residencias privadas de maiores e dos Servizos de Axuda no Fogar


Estas mobilizacións dan continuidade á campaña que a CIG está a desenvolver dende hai meses pola dignificación e o recoñecemento dos traballos de coidados 
Foto: CIG

Infogauda / Galiza

 A CIG-Servizos ten convocadas para o vindeiro luns, 14 de xullo, concentracións simultáneas nas catro provincias en demanda de convenios colectivos dignos para as traballadoras das residencias privadas de maiores e dos Servizos de Axuda no Fogar. 

 As protestas realizaranse ás 11:30 horas nos seguintes lugares:  

A Coruña, diante do Espazo Amizar (Rúa Gregorio Hernández, 2-4). 

Vigo, diante do edificio da Xunta de Galiza (Praza da Estrela). 

Lugo, diante do edificio multiusos da Xunta (Ronda da Muralla, 70). 

Ourense, diante do edificio administrativo da Xunta.  

 Estas mobilizacións dan continuidade á campaña que a CIG está a desenvolver dende hai meses pola dignificación e o recoñecemento dos traballos de coidados e para reclamar a intervención da Consellaría de Política Social, como administración responsábel do sector en Galiza, de estabelecer as ratios e de realizar o labor inspector; mais tamén como responsábel da política de privatización dos coidados que está na base desta precariedade laboral e no deterioro da atención que se presta ás persoas usuarias. 

 O sector dos coidados, maioritariamente composto por mulleres, é a columna vertebral do apoio á poboación envellecida de Galiza, pero segue sendo cronicamente infravalorado e as condicións laborais son de auténtica miseria.

Ningún comentario:

Publicar un comentario