27 de xuño de 2026

A GUARDA

A Eurocidade da Foz do Miño avanza na súa Axenda Urbana cunha sesión participativa na Guarda

 O Salón de Plenos acolleu un encontro con técnicos, comunidades de montes e o tecido asociativo e económico para deseñar a estratexia transfronteiriza.

 A economía, a mobilidade e o turismo centraron os debates para identificar desafíos e oportunidades comúns entre A Guarda, O Rosal e Caminha.


O alcalde da Guarda, Roberto José Álvarez Carrero, foi o encargado de inaugurar a sesión
Foto: CAG

Infogauda/A Guarda  

 O Salón de Plenos da Casa Consistorial da Guarda acolleu este xoves unha sesión participativa fundamental para o futuro do territorio. O encontro enmárcase dentro dos traballos de creación e dinamización da Axenda Urbana da Eurocidade da Foz do Miño, un proxecto estratéxico que busca reforzar a cooperación transfronteiriza.

 O obxectivo principal desta xornada foi identificar, de maneira colaborativa, os principais desafíos, oportunidades e propostas de cooperación entre os tres concellos que integran a Eurocidade: A Guarda, O Rosal e Caminha. Durante a sesión, os asistentes abordaron con especial atención cuestións relacionadas coa economía, a mobilidade e o turismo, considerados os tres eixes estratéxicos para o desenvolvemento conxunto e integrado deste territorio fronteirizo.

 O alcalde da Guarda, Roberto José Álvarez Carrero, foi o encargado de inaugurar a sesión. Durante a súa intervención, o rexedor destacou a importancia de escoitar a todos os axentes implicados: "A Axenda Urbana non se pode construír dende os despachos; precisa da voz do noso tecido social, cultural e económico para que as futuras liñas de actuación respondan ás necesidades reais da Foz do Miño".

 A xornada contou cunha alta representación social e institucional. Ademais do persoal técnico do Concello da Guarda, participaron activamente representantes das Comunidades de Montes Veciñais en Man Común; do tecido cultural, asociativo e económico; así como outros axentes clave do municipio. Ao longo da reunión desenvolveuse unha dinámica participativa onde os asistentes compartiron a súa visión, formularon propostas concretas e identificaron prioridades. Todo este material servirá de base para elaborar un diagnóstico previo antes de definir as futuras liñas de actuación.

 Esta iniciativa está promovida pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Río Miño, e conta co apoio técnico da SPI – Sociedade Portuguesa de Inovação. O propósito final é consolidar unha estratexia compartida que permita impulsar un desenvolvemento máis sostible, coordinado e participativo a ambos lados do río Miño.

Ningún comentario:

Publicar un comentario