Tomiño alza a voz por Palestina nun acto solidario no Espazo Fortaleza, de Goián
• O Concello e o colectivo Baixo Miño con Palestina únense este sábado, 28 de xuño, ás 11.00 horas para amosar a súa repulsa ao xenocidio en Gaza
Infogauda / Tomiño
Tomiño alza a voz contra a barbarie. O Concello e o colectivo Baixo Miño con Palestina organizan o vindeiro sábado, 28 de xuño, un acto solidario no Espazo Fortaleza, de Goián para amosar a súa repulsa polo xenocidio que o Estado de Israel está a cometer contra o pobo palestino en Gaza.
A partir das 11.00 horas, a veciñanza poderá participar nun evento cargado de memoria e humanidade que contará con recitais poéticos, intervencións de persoas representantes do colectivo organizador e pequenas pezas musicais representativas que darán forma a unha mensaxe colectiva de solidariedade.
Foto: C.T.
Como símbolo visual e peche do acto de repulsa, Concello e colectivo despregarán un mosaico de letras xigantes coa mensaxe Stop Xenocidio como berro en defensa da vida e dos dereitos humanos.
“Desde Tomiño queremos ser altofalante da dignidade, da xustiza e da paz. Non podemos mirar cara a outro lado mentres se cometen atrocidades contra a poboación civil, e este acto é unha mostra do noso compromiso coa defensa dos dereitos fundamentais”, declarou a alcaldesa, Sandra González.
Desde hai uns días, unha faixa pendurada no balcón do Concello recorda cada día este compromiso co pobo de Palestina, coa vida e coa liberdade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario