PIRAGÜISMO
Bronce para Nerea Álvarez, e gran traballo dos teixugos na 2ª Copa de España de Slálom “Jóvenes Promesas”
Informa (foto e redacción): Rosa Fernández Carrera
Esta fin de semana, na localidade de San Miguel, en Irún, disputouse a 2ª Copa de España “Jóvenes Promesas” de Slálom. As augas do río Bidasoa acolleron as futuras promesas do slálom español, concretamente da categoría cadete, infantil de segundo ano ou infantil A e infantil de primeiro ano ou infantil B. Vinte clubs e douscentos cincuenta deportistas procedentes de tódolos puntos da xeografía comezaron o sábado a competir, disputando as eliminatorias para determinar os dez mellores tempos que entrarían nas finais do domingo. O Club Deportivo Miño-Teixugos acudiu cunha representación de oito deportistas que deixaron o pavillón ben alto.
O papel máis destacado correspóndelle a Nerea Álvarez na modalidade de C1 Infantil A. Nerea comezou a súa participación o sábado cunha impresionante manga clasificatoria, rematando terceira a menos de medio segundo de gañar a manga. Na final do domingo repetiu posición, gañando por tanto a medalla de bronce. Na mesma categoría tamén participaron Leila Álvarez e Catalina Sánchez, que tamén pasaron á final, rematando quinta e sétima respectivamente.
Estas mesmas deportistas tamén competiron en K1 Infantil A xunto a Beatriz Sánchez, todas elas pasaron a final do domingo. Leila rozou o podio ao rematar cuarta, Nerea foi quinta, Catalina sétima e Beatriz décima.
Rita Olveira competiu en K1 Infantil B, pasou á final e rematou no sexto lugar.
Lois Montenegro en K1 Infantil B tamén conseguiu o pase a final onde rematou quinto.
En K 1 infantil A, Izan Vicente e Alejandro Barreiro non acadaron o pase á final, rematando finalmente vixésimo terceiro e vixésimo cuarto respectivamente.
Impresionantes os teixugos nesta súa primeira competición a nivel nacional da tempada. Na clasificación por equipos o Club Deportivo Miño-Teixugos acadou o quinto posto por detrás dos grandes clubs catalás e vascos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario