24 de xuño de 2025

REDONDELA

Seguridade viaria   

Abel Losada chama á prudencia ao circular polos tramos das estradas en obras, onde 7 de cada 10 condutores exceden a velocidade 

O subdelegado participa na presentación da campaña de control que vai realizar a Garda Civil de Tráfico durante esta semana  

Visita as obras que se están a executar no alto da Encarnación na N-552, en Redondela 

 

O subdelegado visitou o tramo da N-552 en obras no alto da Encarnación (Redondela) e estivo acompañado pola xefa provincial de Tráfico, Paula Yubero; o comandante do Subsector de Tráfico, Miguel Martínez e o xefe provincial de Estradas, José Manuel Piris

Foto: S. do G.

Infogauda / Redondela 

 O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, reclamou o cumprimento das normas ao circular polos tramos en obras das estradas. Fíxoo ao comezo dunha nova campaña de seguridade viaria da Garda Civil de Tráfico que, desta volta, vaise centrar no control nestes puntos, especialmente perigosos e escenario frecuente de infraccións. 

 Losada revelou que, segundo os datos da Dirección Xeral de Tráfico, 7 de cada 10 condutores excede a velocidade limitada ao circular por tramos en obras. Esta circunstancia, xunto coas distraccións ao volante, provocou durante o ano pasado na provincia de Pontevedra un total de 3 accidentes con danos para os condutores e o atropelo dun traballador. No que vai de 2025, na provincia de Pontevedra, xa se produciron outros 3 accidentes nestas zonas onde o tráfico convive coa maquinaria. 

 O subdelegado visitou o tramo da N-552 en obras no alto da Encarnación (Redondela) e estivo acompañado pola xefa provincial de Tráfico, Paula Yubero; o comandante do Subsector de Tráfico, Miguel Martínez e o xefe provincial de Estradas, José Manuel Piris, Abel Losada explicou que a campaña neste tipo de tramos vaise desenvolver ata o próximo domingo, día 29. 

 Recalcou que os condutores e condutoras deben respectar a sinalización extraordinaria nos tramos de obras, reducir a velocidade, aumentar as distancias de seguridade e extremar a precaución. Incidiu en que o risco de atropelo está sempre presente ao circular nestes tramos, dado a presencia de traballadores na calzada. Recordou que no ano pasado houbo 137 accidentes en España e 23 persoas resultaron atropeladas. Un traballador faleceu a causa das feridas. 

 Ao respecto das obras entre os PQ 4+700 e 5+300 que se están a desenvolver na N-552 a cargo do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, Abel Losada indicou que están avanzando dun xeito correcto. Recordou que trátase dunha actuación importante, cun orzamento total de 2.505.161,54 euros, e que permitirán solucionar o problema de estabilidade detectado no firme gracias ao reforzo do talude. As obras, que están sinalizadas con balizas luminosas, en cumprimento da Instrucción do Ministerio de Transportes, rematarán a principios da primavera. 

6 persoas falecidas nas estradas da provincia ata o 15 de xuño 

 O subdelegado aproveitou o acto para avanzar os datos de sinistralidade ata o pasado 15 de xuño e significou que está a ser un bo ano, “aínda que cómpre tomar as cifras con prudencia porque sempre se poden “torcer” e, ademais, non hai un número mínimo admisible de vítimas mortais nas estradas”. Así, neste 2025 van 6 falecidos nas estradas da provincia (o ano pasado por estas datas eran 14) e, ademais, ningún deles se produciu en vías estatais, dado que houbo dous falecementos en estradas autonómicas, 2 en vías da Deputación e outros 2 en vías municipais interurbanas. 

 O que si se mantén, destacou, é o impacto sobre os usuarios vulnerables das vías, dado que a metade das persoas falecidas no que vai de ano correspóndense con esta categoría (un peón, un motorista e un ciclomotorista). En canto ao tipo de accidente, hai dúas vítimas mortais de colisións frontais, 3 por saída de vía e unha por atropelo. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario