12 de xuño de 2025

OIA

O Concello de Oia sancionará aos propietarios que non cumpran coa normativa de limpeza de fincas  

Infogauda / Oia

 O Concello de Oia lembra a obriga de manter limpas as fincas situadas en redes secundarias de faixas de xestión da biomasa, así como aquelas que se atopan dentro do núcleo rural. Ademais, é imprescindible garantir a limpeza nunha franxa de 50 metros ao redor das vivendas e edificacións, co obxectivo de previr incendios e protexer tanto ás persoas como á contorna. 

 Ante a proximidade do verán e o aumento do risco de incendio, o Concello fai un chamamento á responsabilidade da veciñanza para manter as contornas naturais seguras, protexer as persoas e evitar posibles danos materiais. O incumprimento da obriga de limpeza poderá derivar en sancións que van desde os 900 euros por hectárea, con multas reiteradas cada tres meses se non se cumpre coa obriga. 

 Ademais, cabe destacar que a Xunta intensificou os controis e pode poñer multas de ata 3.000 euros ás persoas que non limpasen as súas parcelas antes do 31 de maio. 

 A normativa de prevención de incendios establece unha serie de redes secundarias de faixas de xestión de biomasa nas que é obrigatorio manter limpas as fincas. Concretamente, a lei obriga ás persoas propietarias a xestionar a biomasa vexetal nunha franxa de 50 metros do perímetro ao solo urbano, de núcleo rural e urbanizable; arredor de edificacións, vivendas illadas, urbanizacións, depósitos de lixo, campings, gasolineiras e parques e instalacións industriais situadas a menos de 400 metros do monte. 

 O Concello de Oia lembra que estas redes secundarias de faixas de xestión da biomasa poden consultarse no visor accesible na páxina web do Concello facendo click no apartado “Faixas biomasa”. O visor tamén pode consultarse directamente a través da ligazón https://arcg.is/1PaCTK0.

Ningún comentario:

Publicar un comentario