O Baixo Miño convértese nun plató internacional coa V Mostra de Cinema do Rosal
• Haberá proxeccións durante os meses de xullo e agosto en diferentes barrios e parroquias do Rosal, así como en Goián ou Camposancos
• Organizada pola asociación Ghorghalado en colaboración co Concello, o festival celebrarase do 6 ao 10 de agosto
• Récord de participación internacional nos premios de curtas, con máis de 1.100 proxectos presentados
Infogauda / O Rosal
Sete premios, máis de mil historias e dous meses de cine. O Baixo Miño convértese no epicentro cultural da Mostra do Cinema do Rosal, que celebra a súa quinta edición consolidándose como un festival de referencia que traspasa fronteiras con máis de 1.100 proxectos de países como Francia, Irán, Canadá, Estados Unidos, Senegal, Brasil ou Colombia presentados ao concurso de curtametraxes.
Organizada pola asociación Ghorghalado en colaboración co Concello do Rosal, a Mostra busca achegar ao público unha oferta cinematográfica difícil de atopar nos circuítos habituais. Este ano o festival celebrarase do 6 ao 10 de agosto na praza do Maio, en San Xoán de Tabagón, co visionado das curtas presentadas a concurso seleccionadas, aínda que haberá proxeccións e actividades durante os meses de xullo e agosto en diferentes barrios e parroquias rosaleiras, como San Miguel, Fornelos, Novás ou Marzán, así como do Baixo Miño, como Goián ou Camposancos. Durante o mes de xullo poderán verse as curtas da selección oficial e durante o mes de agosto as gañadoras e finalistas.
Como destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, “chegamos á quinta edición cun sentimento de orgullo e compromiso. Esta mostra non só leva cultura á veciñanza, senón que tamén sitúa ao Rosal no mapa internacional do cinema independente. Ver como a participación medra e como o público fai súa esta cita é a mellor recompensa”.
A Mostra de Cinema, que xa o ano pasado estreou con grande éxito os seus premios ás mellores curtametraxes, amplía nesta edición o número de galardóns a sete categorías, sumando os premios á mellor curta de temática social e á mellor curta rural ás de mellor curta segundo o xurado e segundo o público, mellor guión, mellor interpretación e mellor fotografía. Os proxectos gañadores recibirán unha escultura artesanal creada polo artista portugués J.M. Teixeira, ademais da correspondente dotación económica.
Dende a asociación Ghorghalado salientan o salto cualitativo e cuantitativo nas propostas recibidas, o que suporá un gran reto para o xurado dado a enorme calidade das obras presentadas a concurso. Durante a presentación da quinta edición ante o público na praza do Calvario a pasada semana, a organización salientou que coincidindo coa Mostra haberá tamén unha exposición cun amplo contido multimedia no Salón da Exposicións do Concello, unha mostra dobre cos grandes fitos nas orixes do cinema e cos grandes filmes da historia do sétimo arte.
Pódese consultar a información completa e actualizada do festival na web da Mostra.
Ningún comentario:
Publicar un comentario