Un aula para lembrar, unha semente para o futuro
• O CRA María Zambrano honra a memoria da mestra Rocío cun espazo que simboliza a forza da educación rural
• O Concello mantén a súa firme aposta por este modelo de educación de proximidade máis alá das súas competencias, unha escola rural que por primeira vez na historia reflicte un importante incremento de solicitudes
Foto: C.O.R.
Infogauda / O Rosal
No Rosal as escolas unitarias abren novas aulas con amor, con memoria e cunha aposta decidida polo futuro. O CRA María Zambrano inaugurou esta semana unha nova aula na súa sede de Tabagón, un espazo que leva o nome da falecida Rocío, unha mestra inesquecible que deixou unha fonda pegada no centro e na educación rural rosaleira.
Como recolle a placa conmemorativa, realizada polo ilustrador rosaleiro Xosé Tomás, Rocío, “labrega de vida, sementaba emocións e ledicia, transformando a horta da vida nun momento mellor. Nas escolas rurais co seu exemplo espallaba os valores de educación, transformando a vida e o saber nun mundo máis xusto e acolledor”. O acto de homenaxe no que participou a comunidade educativa e a familia da docente falecida, contou coa presenza tamén da alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís; do xefe territorial de Educación en Pontevedra, César Pérez Ares.
A directora do CRA María Zambrano, Esperanza Iglesias, destacou que a apertura desta aula non é só unha mellora educativa, é un acto de recoñecemento “a unha persoa que admirabamos profundamente pola súa profesionalidade e enerxía. Era unha mestra rural, das que poucas quedaban”. Desde que chegou en 2017, contaxiou a súa implicación e foi unha sementeira de cambios, como o comedor escolar, que hoxe permite a conciliación a máis de 30 familias.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, subliñou que “no Rosal apostamos pola escola rural porque sabemos que é parte esencial da nosa calidade de vida. As escolas están preto da xente, conectadas coa contorna, e son chave para fixar poboación e crear comunidade. Por iso, como Concello, investimos máis alá das nosas competencias: máis de 600.000 euros na reforma integral da Escola de Tabagón, dos cales 400.000 proceden de fondos europeos e 200.000 son fondos propios. Hoxe este espazo é escola, biblioteca e sede do CRA, unha transformación exemplar”. Unha transformación que tamén se levou ás unitarias de Pías, As Eiras e á casa escola de Fornelos, recentemente reformadas.
A realidade avala esta aposta: por primeira vez, a escola rural no Rosal medra, pasando de 148 solicitudes o curso pasado a 168 para o próximo curso escolar. “Mentres noutros lugares as escolas unitarias están a pechar, no Rosal facemos do modelo rural un exemplo de éxito. Iso é posible grazas á implicación do profesorado, das familias e da veciñanza. Queremos que a Consellería de Educación se sume tamén a esta transformación máis alá do mobiliario e cumpra coas súas competencias”, sinalou a rexedora.
Ningún comentario:
Publicar un comentario