17 de xuño de 2025

O ROSAL

Un aula para lembrar, unha semente para o futuro  

•  O CRA María Zambrano honra a memoria da mestra Rocío cun espazo que simboliza a forza da educación rural  

•  O Concello mantén a súa firme aposta por este modelo de educación de proximidade máis alá das súas competencias, unha escola rural que por primeira vez na historia reflicte un importante incremento de solicitudes  

 

O CRA María Zambrano inaugurou esta semana unha nova aula na súa sede de Tabagón, un espazo que leva o nome da falecida Rocío, unha mestra inesquecible que deixou unha fonda pegada no centro e na educación rural rosaleira

Foto: C.O.R.


Infogauda / O Rosal 

 No Rosal as escolas unitarias abren novas aulas con amor, con memoria e cunha aposta decidida polo futuro. O CRA María Zambrano inaugurou esta semana unha nova aula na súa sede de Tabagón, un espazo que leva o nome da falecida Rocío, unha mestra inesquecible que deixou unha fonda pegada no centro e na educación rural rosaleira.  

 Como recolle a placa conmemorativa, realizada polo ilustrador rosaleiro Xosé Tomás, Rocío, “labrega de vida, sementaba emocións e ledicia, transformando a horta da vida nun momento mellor. Nas escolas rurais co seu exemplo espallaba os valores de educación, transformando a vida e o saber nun mundo máis xusto e acolledor”. O acto de homenaxe no que participou a comunidade educativa e a familia da docente falecida, contou coa presenza tamén da alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís; do xefe territorial de Educación en Pontevedra, César Pérez Ares. 

 A directora do CRA María Zambrano, Esperanza Iglesias, destacou que a apertura desta aula non é só unha mellora educativa, é un acto de recoñecemento “a unha persoa que admirabamos profundamente pola súa profesionalidade e enerxía. Era unha mestra rural, das que poucas quedaban”. Desde que chegou en 2017, contaxiou a súa implicación e foi unha sementeira de cambios, como o comedor escolar, que hoxe permite a conciliación a máis de 30 familias. 

 A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, subliñou que “no Rosal apostamos pola escola rural porque sabemos que é parte esencial da nosa calidade de vida. As escolas están preto da xente, conectadas coa contorna, e son chave para fixar poboación e crear comunidade. Por iso, como Concello, investimos máis alá das nosas competencias: máis de 600.000 euros na reforma integral da Escola de Tabagón, dos cales 400.000 proceden de fondos europeos e 200.000 son fondos propios. Hoxe este espazo é escola, biblioteca e sede do CRA, unha transformación exemplar”. Unha transformación que tamén se levou ás unitarias de Pías, As Eiras e á casa escola de Fornelos, recentemente reformadas. 

 A realidade avala esta aposta: por primeira vez, a escola rural no Rosal medra, pasando de 148 solicitudes o curso pasado a 168 para o próximo curso escolar. “Mentres noutros lugares as escolas unitarias están a pechar, no Rosal facemos do modelo rural un exemplo de éxito. Iso é posible grazas á implicación do profesorado, das familias e da veciñanza. Queremos que a Consellería de Educación se sume tamén a esta transformación máis alá do mobiliario e cumpra coas súas competencias”, sinalou a rexedora.

Ningún comentario:

Publicar un comentario