O SERGAS planifica o verán en atención hospitalaria a base de peche de camas
• A CIG-Saúde denuncia que a medida contribúe especialmente á saturación dos servizos de urxencias durante este período por falta de recursos
Infogauda / Galiza
A CIG-Saúde vén de facer público que “un ano máis, a Consellaría de Sanidade e o SERGAS volven aplicar unha planificación estival baseada no peche sistemático de camas nos hospitais públicos, sen realizar unha avaliación seria do impacto que esta medida ten sobre a atención sanitaria, especialmente nos servizos de urxencias, que cada verán sofren un incremento de saturación por falta de recursos”.
A CIG-Saúde denuncia que este peche non afecta só a camas cirúrxicas, como se pretende facer crer argumentando unha suposta menor actividade nos quirófanos, senón que tamén se pechan camas médicas, “sen ter en conta as consecuencias que iso supón para a atención urxente e o ingreso de doentes”.
A central sindical critica tamén que non existe unha verdadeira planificación da actividade cirúrxica durante os meses de verán, o que provoca que ao remate do período estival se incremente de forma significativa a derivación de pacientes á sanidade privada. “Isto evidencia que o SERGAS utiliza a privatización como unha válvula de escape permanente, en lugar de reforzar a atención pública”.
A falta de contratación de profesionais segue sendo outra das eivas fundamentais do sistema. Desde a CIG-Saúde lembran que non todas as categorías profesionais están en déficit, e que moitos servizos poderían manter a súa actividade se se contratase persoal suficiente: fisioterapia, logopedia, terapia ocupacional, entre outros.
En consecuencia, exixen unha planificación estival baseada nas necesidades reais da poboación e nas posibilidades efectivas de cobertura dos servizos, e non guiada polos criterios de aforro a curto prazo que impón a administración, pechando camas e recortando dereitos da cidadanía. “Defendemos unha sanidade pública de calidade, sen recortes nin privatizacións encubertas”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario