A CIG convoca mobilizacións por un convenio digno na hostalaría da provincia de Pontevedra
• Desenvolverá concentracións este venres día 27 diante de dous establecementos hoteleiros na cidade do Lérez e en Vigo ás 11:30 horas
Infogauda / Pontevedra
A CIG-Servizos chama o persoal da hostalaría da provincia de Pontevedra a participar nas mobilizacións convocadas este venres 27 de xuño para reclamar un convenio colectivo digno tras dous anos sen suba salarial. As concentracións terán lugar diante do Hotel Galicia Palace na cidade do Lérez e do NH en Vigo ás 11:30 horas.
Dende a central sindical denuncian que a patronal do sector “non está a respectar” as persoas traballadoras da hostalaría (camareiros/as, cociñeiros/as, recepcionistas, camareiras/os de piso): “Levan catro anos sen convenio e dous anos sen incremento salarial, e aínda por riba agora o empresariado suspende no mesmo día as reunións previamente acordadas por todos os membros da mesa”.
Ante esta actitude, e tendo en conta que as previsións de ocupación hoteleira na provincia de Pontevedra baterán récords novamente, na CIG entenden que xa é hora de que o persoal do sector deixe de ser “ignorado” polas empresas e de que o seu traballo sexa recoñecido. “Isto pasa por mudar moitas cuestións que aínda non están recollidas no convenio, como a redución do tempo de traballo; dous días descanso consecutivos para todo o persoal independentemente da xornada; licenzas que permitan conciliar a vida laboral e familiar; e unha actualización salarial que permita recuperar poder adquisitivo ante a suba de prezos xeneralizada”.
Finalmente, a CIG-Servizos censura as pretensións da patronal de introducir no convenio colectivo un novo contrato fixo descontinuo a tempo parcial, “o que suporía aumentar aínda máis a parcialidade no sector”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario