Xornada de protestas na Coruña e Nigrán polos abusos e o acoso laboral en Mercadona
• Houbo concentracións nos supermercados de Monte Patelo e Porto do Molle
Infogauda / Nigrán / A Coruña
A CIG-Servizos desenvolveu este luns unha xornada de mobilizacións en resposta aos abusos laborais e á política de acoso e persecución practicada por Mercadona, con especial crueza sobre tanto co persoal que se atopa en situación de baixa médica como coas representantes sindicas. As concentracións realizáronse nos supermercados da cadea de alimentación en Monte Patelo (A Coruña) e Porto do Molle (Nigrán).
A protesta na localidade pontevedresa fai parte da campaña ‘Un segredo a voces’ posta en marcha en agosto do ano pasado contra o ‘modelo’ implantado na empresa. “Trátase dunha iniciativa para denunciar publicamente os abusos contra o persoal e os delegados/as sindicais: faltas de respecto, berros, insultos, persecución, illamento laboral e o acoso telefónico ás persoas traballadoras que se atopan de baixa laboral. Cuestións que xa foron denunciadas ante a Inspección de Traballo”, tal e como explicou hoxe Verónica Pérez, secretaria da sección sindical da CIG na empresa e delegada do comité provincial.
Estas prácticas responden a unha metodoloxía (‘modelo Mercadona’) que supón unha clara vulneración de dereitos e castigos discrecionais sen datos obxectivos que afectan ao cobro de primas económicas anuais de entre 3.000 e 6.000 euros, como así o ten denunciado a CIG diante da autoridade laboral nos últimos meses. “O que fan é presionar, coaccionar e dar exemplo disciplinario a terceiras persoas co obxectivo de marcar dentro do grupo quen manda, aínda que iso provoque situacións de humillación pública ante compañeiras/os ou clientes”.
Pérez tamén denunciou que as mobilizacións que levan a cabo no marco desta campaña están a ter consecuencias para a representación sindical, “xa que Mercadona ponnos actas de reprimenda e valoracións negativas discrecionais como estratexia de desgaste para intentar expulsarnos da empresa”. De igual xeito que fan co persoal que non cumpre os tempos como consecuencia da elevada carga de traballo, “que é perseguido e ten que aturar comentarios como “se estás aquí é para traballar” ou “se non che gusta podes marchar para casa””.
Abuso, explotación e represión
No caso da Coruña, a sección sindical da CIG alertou que a persecución e o acoso “está superando todos os límites” e que Mercadona “non respecta os dereitos fundamentais das persoas traballadoras” malia presumir de ser unha empresa “modélica”. “Nós coñecemos ben cal é o seu verdadeiro modelo, baseado no abuso, na explotación e na represión sindical”.
Salientaron que a unha sentenza xudicial vén de recoñecer a represión sindical contra delegadas da CIG ás que Mercadona lles prohibiu usar o aparcadoiro da empresa “nun intento claro de castigo, illamento e intimidación” pola queixa manifestada nunha reunión coa Inspección.
A sección sindical da CIG reiterou que non vai permitir estas prácticas de persecución e represión contra quen se organiza e reclama que se respecten os dereitos laborais, porque “a nosa forza está na organización, na solidariedade e na loita colectiva. Queremos traballar con dereitos, con respecto e con liberdade sindical, e non imos parar até conseguilo”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario