21 de xuño de 2025

CULTURA

Rueda reivindica o papel de Galicia como referente cultural internacional na inauguración da 32ª Bienal de Pontevedra 

•  O certame, que regresa tras 15 anos de paréntese, celébrase baixo o lema ‘Volver ser humanos...ante a dor dos demais’ 

•  Durante os próximos meses, 60 artistas galegos e internacionais presentarán os seus traballos na cita, con temáticas que abordan desde os conflitos bélicos ata o cambio climático


O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe na apertura da 32ª edición da Bienal de Arte de Pontevedra

Fotos: X.G.


Infogauda / Pontevedra 

 O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe na apertura da 32ª edición da Bienal de Arte de Pontevedra, sinalando que o evento supón o regreso dun importante espazo de encontro artístico e de reflexión colectiva para Pontevedra e Galicia. “Había que atreverse, ter unha ilusión e rodearse dos mellores para poder facelo e aquí temos o resultado”, afirmou. Rueda explicou que a Bienal pretende transformar a cultura nun espazo vivo, de interrogación e de reivindicación. O encontro, que volve tras 15 anos de paréntese, regresa baixo o lema Volver ser humanos...ante a dor dos demais, unha chamada á responsabilidade, á empatía e ao pensamento. 


Un momento da visita a unha das exposicións da 32ª edición da Bienal de Arte de Pontevedra

 Nesta edición, exporanse ata o 30 de setembro o traballo de 60 artistas galegos e internacionais, cuxas obras abordan temas como os conflitos bélicos, as migracións masivas ou o cambio climático, con proxectos que apelan á emoción e á reflexión colectiva. 

 O presidente insistiu en que Pontevedra se converterá nun centro de gravidade cultural durante os meses de celebración da Bienal, que integra no seu programa o Museo de Pontevedra, o Convento de Santa Clara ou a Illa das Esculturas, ademais da programación de intervencións urbanas, concertos, conferencias e mesas de diálogo. “Esta Bienal tivo moitísima potencia, colocou a Pontevedra no mapa da arte a nivel nacional, europea e probablemente, que imos camiño diso, mundial”, declarou. 

 Tamén destacou a aposta pola extensión de Bienal a outras localidades como Vigo, Sanxenxo, O Grove ou Ponteareas, en liña cos obxectivos a da Lei cultura inclusiva e accesible de Galicia, que promove levar a cultura a todas as persoas e lugares. 

 En canto aos antecedentes históricos da Bienal, é considerada a máis antiga de España no seu formato, co seu inicio en 1969 e unha traxectoria internacional que inclúe exposicións na Bienal de Venecia. Este historial xustifica o prestixio recuperado coa súa volta. 

 O titular do Goberno galego manifestou o compromiso da Xunta por estar presente nos espazos de creación e innovación, colaborando activamente coa Bienal pola súa capacidade de proxectar Galicia internacionalmente, contribuír á construción e cohesión social a través da cultura como ferramenta transformadora e de diálogo e dinamizar o turismo e a economía. 

 “É un orgullo para todos que, cando digamos que somos de Pontevedra, se diga que aí foi onde se recuperou unha Bienal que probablemente nunca debeu perderse e que volve con todo o seu esplendor”, finalizou.

Ningún comentario:

Publicar un comentario