11 de xuño de 2025

BAIONA

O BNG reclama á Xunta que paralice o recheo para a ampliación do porto deportivo de Baiona e preserve a súa baía   

  Carmela González critica ao Goberno do PP unha actuación concibida “para que os ricos teñan máis amarres para os seus iates” e non para a veciñanza  

  “Un paso máis para o avance do turismo de masas que promove o PP e que non ten en conta as consecuencias sobre as veciñas e os veciños”, denuncia  


Carmela González, deputada do BNG, reclamou no Parlamento, á Xunta, que paralice de inmediato o recheo para a ampliación do porto deportivo de Baiona

Infogauda / Baiona

 A deputada nacionalista Carmela González reclamou á Xunta no Parlamento que paralice de inmediato o recheo para a ampliación do porto deportivo de Baiona que, recalcou, provocará graves afeccións na baía e que só responde ao “insostible modelo de turistificación masiva do PP”, con consecuencias que dificultan a vida cotiá das baionesas e os baioneses.   

 Nunha pregunta en Pleno parlamentario á nova conselleira do Mar, González advertiu que os 4.200 metros cadrados de recheos para a ampliación do porto deportivo, que está a provocar o rexeitamento dos veciños e veciñas, é “un paso máis para ese avance do turismo de masas que non ten en conta as consecuencias sobre a veciñanza”.   

 Neste sentido, recordou que Baiona é un dos municipios co prezo da vivenda máis alto, o que fai imposible mercar ou alugar polo que a mocidade “vese na obriga de marchar do seu concello”, e que o pequeno comercio xa “ten serias dificultades para manter a persiana subida e son moitos os que pecharon e pechan” dado que “é imposible manter un negocio con ingresos só durante dous meses do ano”.   

 A isto sumou os “insufribles atascos” que sofre a veciñanza practicamente a diario durante o verán nas estradas de acceso á vila, que colapsan e dificultan a comunicación no seu día a día, tanto para ir ao traballo, como para acudir a un centro hospitalario ou a calquera outro servizo en Vigo.   

 A deputada nacionalista subliñou que un novo recheo vai ter “consecuencias nefastas” para a baía de Baiona, tal e como recolle o informe de avaliación ambiental estratéxica do Plan Especial do Porto de Baiona.   

 “Graves afeccións”, salientou, como as ocasionadas na paisaxe, ao modificar a fachada marítima da vila; no patrimonio natural, xa que o recheo ocuparía habitats nos que existen elementos naturais a preservar e provocaría contaminación que afectaría ás especies mariñas e á calidade das augas; na atmosfera e no cambio climático, polo aumento do tráfico marítimo e terrestre, e nos ciclos hídricos, “como xa está pasando na praia de Santa Marta, coa modificación nas correntes mariñas”, enumerou.   

 “A estampa que nos deixa a salvaxe explotación do litoral baionés é desoladora, cada vez hai máis iates e embarcacións de recreo e menos de pesca, o porto pesqueiro é diminuto se o comparamos cos portos deportivos que temos na vila”, afondou González, quen denunciou que o PP pretende vender esta ampliación como unha oportunidade, cando a realidade é que “o Partido Popular aposta polo fomento da turistificación de Baiona, na contra de traballar para a veciñanza”.  

 A deputada do BNG pola comarca recalcou que este é “un exemplo clarísimo” de cales son as prioridades do Goberno do PP. “O Partido Popular é máis de garantir prazas de amarre para os iates dos ricos que de garantir prazas en residencias públicas para as persoas maiores do Val Miñor ou prazas nas escolas infantís públicas para as crianzas de Baiona”, denunciou. “O PP do presidente Rueda e do alcalde Almuíña é mais de aterrar a baía de Baiona para que os ricos poidan aparcar os seus iates que de liberar de peaxe a AG-57 para mellorar a comunicación de toda a veciñanza do Val Miñor”, afondou.  

 Nesta liña, considerou que a Consellería do Mar prefire apostar polos “portos deportivos e as campañas millonarias de postureo” que por “medidas de saneamento da Foz do Miñor para recuperar o marisqueo”.  

 Ante o impacto e graves afeccións do recheo, González pediu á nova conselleira, Marta Villaverde, que rectifique a decisión. “Están a tempo, paralicen o recheo para a ampliación do porto deportivo de Baiona, tal e como demanda a veciñanza”, pediu, para incidir a continuación en que esta actuación “non é beneficiosa” para a vila e, por iso, os baioneses e baionesas están en contra. “Non venda que é algo para as veciñas e os veciños, é algo para que os ricos teñan máis amarres para os seus iates”, concluíu. 

Críticas á nova conselleira por apoiar ao seu antecesor, presunto agresor sexual 

 Ao inicio da súa intervención, a deputada nacionalista recriminoulle á nova titular do Mar a “posta en escena indecente” do seu nomeamento a consecuencia da imputación do seu predecesor no cargo, Alfonso Villares, por agresión sexual, un acto no que se despediu entre aplausos e eloxios a un presunto agresor sexual.    

 “Ás mulleres galegas non nos representa unha posta en escena da que vostede tamén foi partícipe, da que vostede tamén ten a súa propia foto da vergoña, abrazando e bicando ao presunto agresor, para mostrarlle en público a súa solidariedade e recoñecemento, sen dicir nin unha soa palabra de apoio á vítima”, reprochou.   

 Neste contexto, González trasladou todo o apoio do BNG “a esta e a todas as mulleres valentes que denuncian. E dicímoslle que non están soas, que somos moitas as que estivemos, estamos e estaremos loitando para que a vergoña estea do lado do agresor e dos e das que o amparan e agochan”, concluíu. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario