A Guarda aumenta a seguridade no parque de patinaxe da Atalaia
• O Concello instalou unha nova varanda nese recinto e están previstas novas intervencións
Infogauda / A Guarda
O Concello de A Guarda instalou no parque de patinaxe da Atalaia unha nova varanda para aumentar a seguridade desta zona de ocio. Ese elemento de protección conta cunhas barras dispostas de xeito vertical e máis xuntas, de forma que evite a caída de obxectos cara a zona do paseo marítimo ou da zona de estrada.
Ademais, presenta unha mellor ancoraxe para aumentar a súa resistencia e duración ante o alto uso e afluencia de mocidade desta zona de ocio do porto. “Ao final o que aporta esta varanda é maior seguridade para usuarios, pero tamén para os viandantes do paseo”, recalca o alcalde de A Guarda, Roberto José Álvarez Carrero.
Esta actuación non será a única da zona, pois nas próximas semanas cambiaranse as porterías e canastras da pista multideportiva contigua, xa que ante o uso e os efectos do mar e do tempo presentan un alto desgaste.
“Son intervencións que eran necesarias, pois agora coa chegada do verán aumentan os usuarios destas pistas. Ademais, a comezos de agosto teremos o Galifornia Beat nesta zona e debe estar nas mellores condicións”, recorda o alcalde.
Ningún comentario:
Publicar un comentario