Ana Ortiz celebra o aumento da oferta hoteleira no Camiño da Costa coa apertura do faro de Cabo Silleiro
• A delegada territorial da Xunta en Vigo mantivo un encontro coa empresa Lighthouse Baiona que abrirá o establecemento o vindeiro luns
• “A súa ocupación total para esta Semana Santa demostra que se trata dun lugar idóneo para un novo hotel en plena ruta xacobea”
Infogauda / Vigo
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, mantivo este venres un encontro co responsable da empresa Lighthouse Baiona, Miguel Ángel Fernández, ante a inminente apertura o vindeiro luns 14 de abril do novo Hotel Boutique Cabo Silleiro. A representante autonómica celebrou o aumento da oferta hoteleira en pleno Camiño Portugués da Costa, a ruta xacobea de maior crecemento.
“A demanda é moi alta e actualmente xa teñen unha ocupación total para esta Semana Santa, polo que queda demostrado que se trata dun lugar idóneo para un novo establecemento no Camiño de Santiago”, sinalou Ortiz. Ademais, lembrou a inauguración o pasado mes de agosto do Faro Primitivo do Cabo Silleiro, en Baiona, o cal valorou como un xeito de xerar riqueza no litoral de forma sustentable e que conformará un destino de referencia na costa galega.
A delegada incidiu en que o Camiño da Costa rexistrou en 2024 un total de 75.000 peregrinos que recolleron a Compostela, cun aumento do máis do 40% respecto ao ano pasado.
“A afluencia vai en aumento e este ano tamén será máis alto, cunha importante porcentaxe de camiñantes estranxeiros con alto poder adquisitivo”, indicou.
No caso do Hotel Boutique Cabo Silleiro, conclúe así un proceso iniciado a partir da adxudicación, por parte da Autoridade Portuaria de Vigo, en decembro de 2021 á empresa Lighthouse Baiona, da concesión administrativa para a transformación e explotación das instalacións como espazo hostaleiro, por un período de 35 anos. Posteriormente, tras a concesión da licenza municipal polo Concello de Baiona, iniciáronse as obras en febreiro de 2024.
O edificio do Faro Silleiro está situado sobre unha parcela de 2.581 metros de superficie. As obras foron dirixidas polo arquitecto vigués Pedro de la Puente, e executadas pola empresa construtora Di Milano, para dotar ao inmoble de 17 habitacións, todas exteriores, ademais dunha terraza, servizos de ximnasia, vestiarios e piscina con vistas ao mar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario