7 de abr. de 2025

TUI

O presidente da Xunta de Galicia visitou as instalacións da Armada en Tui e asistiu á inauguración dun cruceiro elaborado polos alumnos do CIFP de Cantería de Galicia  

 Rueda destaca o papel clave da Comandancia Naval do Miño na seguridade transfronteiriza e na cooperación con Portugal 

 Subliña o papel esencial da organización “na loita contra a pesca ilegal e a protección dos recursos naturais do río”


O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, visitou as instalacións da Comandancia Naval do Miño
Foto: X.G.

Infogauda / Tui

 O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, vén de visitar as instalacións da Comandancia Naval do Miño, onde destacou a importancia desta institución na seguridade, vixilancia e cooperación estratéxica entre Galicia e o Norte de Portugal.  

 Rueda subliñou o papel esencial da Armada na “loita contra a pesca ilegal e a protección dos recursos naturais do río Miño”. O presidente expresou o seu agradecemento a todos os profesionais integrantes da unidade, resaltando o seu compromiso “coa seguridade cidadá e coa defensa das augas fronteirizas”.  

 “O voso esforzo diario garante a tranquilidade na navegación e reflicte un compromiso exemplar co servizo público”, afirmou o titular do Goberno galego, que tamén fixo fincapé na relevancia da cooperación con Portugal. Neste senso, destacou que a colaboración transfronteiriza entre as forzas de seguridade e os corpos de emerxencias de ambos países é un “exemplo de integración e entendemento”, fortalecendo os lazos históricos e institucionais que unen Galicia e o norte de Portugal.  

 O xefe do Executivo autonómico reafirmou o compromiso do Goberno galego co fortalecemento das relacións institucionais coa Comandancia Naval. “Somos conscientes da importancia do voso labor, e reiteramos o noso firme apoio ao voso cometido”, asegurou.  

Instalación dun cruceiro 

 A visita coincidiu coa inauguración dun cruceiro típico da tradición canteira, froito do acordo de colaboración asinado en 2024 entre o CIFP de Cantería de Galicia e a Comandancia Naval. A obra, instalada de xeito permanente no recinto exterior do centro, ­­­­conta cunha altura de tres metros e cos elementos sen figuración típicos: pasos, dado, varal, e cruz.  

 Rueda puxo en valor o traballo realizado polo profesorado e o alumnado do CIFP de Cantería de Galicia, e ideado na clase maxistral do escultor Francisco Castro. “Estamos ante unha combinación de talento e tradición que demostra o enorme nivel da FP galega”, subliñou.

Ningún comentario:

Publicar un comentario