23 de abr. de 2025

A GUARDA

O Concello de A Guarda consolida os seus programas de conciliación Conciliaguarda 


O alcalde de A Guarda e o concelleiro de Cultura e Deportes, con algúns dos participantes no Conciliaguarda

Foto: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 O Conciliaguarda de Semana Santa, do Concello de A Guarda volveu ser un éxito, dando unha opción de conciliación a 30 familias guardesas. O principal obxectivo é axudar na conciliación durante as etapas de vacacións escolares, por iso, ademais do verán, o Concello estendeu estes campamentos a Nadal e Semana Santa.  

 “A xente demandábao, polo que nos puxemos en marcha para ofrecelo”, resalta o alcalde. Ademais recalca a gratuidade destas edicións máis curtas: “ademais da conciliación, a gratuidade destes campamentos tamén axuda ás familias, pois é accesible para todos”.  

 Os 30 nenos e nenas teñen entre 3 e 10 anos, e a demanda é tal, que foi preciso realizar un sorteo público para a adxudicación de prazas. Para facilitar máis a conciliación o horario de 9 a 14 horas, pode ampliarse de 8:30 a 14:30 horas para as familias que o soliciten.  

 Nos meses de verán realízase un campamento que conta con 60 prazas e que xa é unha actividade estable coa que contan moitas familias do municipio para a axuda das súas necesidades de conciliación.  

 Estas actividades son servizos fundamentais demandados pola poboación e unha clara aposta pola conciliación e por ofertar servizos integrais, de coidado e atención á infancia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario