23 de abr. de 2025

TOMIÑO

O Mercado de Tomiño celebra a primavera cunha programación de obradoiros gratuitos para todos os públicos 

 A praza de abastos acollerá actividades florais e de cociña con produtos locais, entre abril e xuño, e celebrará o evento “Sábados con sabor” o 24 de maio 




Infogauda / Tomiño

 A Asociación de Praceiros e Praceiras do Mercado de Tomiño, en colaboración co Concello, lanza unha nova programación de primavera co obxectivo de dinamizar a praza de abastos e achegar á veciñanza os produtos e servizos que ofrece este espazo emblemático do municipio.  

 Durante os meses de abril, maio e xuño, o mercado converterase nun punto de encontro activo e creativo no que se impartirán obradoiros gratuitos centrados na cociña e na arte floral. As actividades, impartidas polo Fogón do Mercado e por Floristería Marisa Baquero, desenvolveranse os luns de 11.00 á 13.00h. Estas están dirixidas a todos os públicos e poñen o foco nos produtos de proximidade, de tempada e de alta calidade.  

 A programación comezará o luns 28 de abril co obradoiro floral Flores para mamá, no que as persoas participantes poderán crear un fermoso ramo con flores naturais, ideal para agasallar no Día da Nai. O 5 de maio será a quenda da cociña con Pasta fresca e vexetais, un obradoiro práctico no que se aprenderá a elaborar pasta artesanal combinada con verduras do mercado.  

 O 19 de maio continuará a oferta gastronómica co obradoiro Cociña internacional, que propón unha viaxe polos sabores do mundo a través de receitas sinxelas e adaptadas a calquera persoa. Xa en xuño, o día 2 farase o obradoiro floral Centros primaverais, centrado na creación de arranxos decorativos inspirados na estación.  

 O 9 de xuño o mercado acollerá o taller Legumes no verán, que ofrecerá ideas frescas e orixinais para incorporar legumes aos menús estivais. A programación pecharase o 23 de xuño cunha proposta refrescante e creativa: Ensaladas creativas, un obradoiro para reinventar este prato clásico con ingredientes variados e sabrosos.  

 As prazas para cada obradoiro son limitadas (entre 10 e 15 persoas segundo a actividade), polo que é necesario inscribirse previamente a través da páxina web do Concello  

 Ademais dos talleres, o sábado 24 de maio o Mercado de Tomiño acollerá unha xornada especial de Sábados con sabor, que dará comezo ás 13.00h e combinará música en directo e degustacións de tapas. O ambiente estará animado pola actuación de Allo Negro, formación galega especializada en música negra dos anos 40, 50 e 60, cun repertorio centrado no blues e no soul.  

 Con esta iniciativa, o Concello de Tomiño e a Asociación de Praceiros e Praceiras buscan reforzar o papel do Mercado como espazo vivo, dinámico e integrador, promovendo ao mesmo tempo a alimentación saudable, o consumo responsable e a posta en valor do produto local.

Ningún comentario:

Publicar un comentario