22 de abr. de 2025

PONTEVEDRA

FEMUPO LANZA UN PROGRAMA INTEGRAL PARA O EMPODERAMENTO E A INSERCIÓN SOCIOLABORAL DE MUJERES EN SITUACIÓN DE VULNERABILIDADE 

 


 Raquel Touriño Casal / Pontevedra

 A Federación pola Igualdade das Mulleres da Provincia de Pontevedra (FEMUPO) puxo en marcha un ambicioso programa de atención integral dirixido a mulleres desempregadas e/o en situación de vulnerabilidade, co obxectivo de mellorar as súas oportunidades de acceso ao emprego, fortalecer o seu benestar psicosocial e promover a súa integración social. 

 Esta iniciativa, completamente gratuíta, responde ao firme compromiso da entidade coa igualdade real e efectiva, especialmente en contextos rurais ou con maiores dificultades de acceso a recursos. O programa ofrece itinerarios personalizados de atención, adaptados ás necesidades concretas de cada participante, combinando o acompañamento próximo cunha batería de recursos especializados.  

 Entre as actuacións desenvolvidas atópanse servizos de orientación sociolaboral, asesoramento psicolóxico, talleres de competencias persoais, sociais e dixitais, así como sesións de formación para a mellora da empregabilidade. Ademais, préstase atención a aspectos clave como a igualdade de xénero, a procura activa de emprego, a preparación para entrevistas ou o acceso á información administrativa. 

 De maneira complementaria, o programa incorpora un servizo de mediación intercultural e/o familiar, orientado a facilitar a integración social de mulleres en contextos diversos e apoiar a resolución de conflitos ou barreiras culturais e familiares. Tamén se ofrece un servizo de atención xurídica, que brinda asesoramento legal individualizado en materias como dereitos laborais, violencia de xénero, estranxeiría ou vivenda.     

 FEMUPO reforza así o seu labor como axente activo na transformación social da provincia de Pontevedra, impulsando proxectos que permiten ás mulleres gañar autonomía, confianza e voz propia nos seus procesos de cambio. “A igualdade non se constrúe só con palabras, senón con accións que teñan impacto real na vida das persoas”, afirman desde a entidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario