As traballadoras das residencias privadas evidencian a súa disposición a loitar por un convenio digno na segunda xornada de folga
• A CIG chama a participar na manifestación deste sábado 26 de abril, ás 11h dende a Alameda de Compostela
Infogauda / Galiza
As traballadoras das residencias privadas están secundando este martes a segunda das catro xornadas de folga convocadas pola CIG en demanda dun convenio colectivo digno e salarios xustos. Aínda que os abusivos servizos mínimos decretados pola Xunta impiden na práctica a moito do persoal exercer este dereito fundamental, o apoio á folga evidénciase nas concentracións espontáneas que as traballadoras están realizando diante das residencias aproveitando os tempos de descanso e os cambios de quenda.
Sobrecarga de traballo, asunción de tarefas que non corresponden, falta de tempo suficiente para atender as persoas usuarias, salarios de miseria e unhas ratios obsoletas, son algunhas das problemáticas denunciadas polas traballadoras, que levan meses mobilizándose contra as pretensións patronais de consolidar a precariedade laboral e a pobreza salarial no novo convenio.
O secretario de Negociación Colectiva da CIG-Servizos, Adolfo Naya, facía unha valoración moi positiva da participación nesta xornada de folga “tendo en conta as dificultades que existen polos abusivos servizos mínimos”. A este respecto, avanzou que o sindicato está valorando denunciar a varias empresas do sector que comunicaron os servizos mínimos con posterioridade ao inicio da folga ao entender “que isto constitúe unha vulneración do dereito á folga e non o imos consentir”.
Inmobilismo da patronal e inacción da Xunta
Naya puxo en valor o ánimo e a disposición das traballadoras para seguir loitando polos seus dereitos e fixo un chamamento a participar masivamente na manifestación nacional convocada para este sábado, 26 de abril, con saída ás 11h da Alameda de Santiago de Compostela. Anima a converter esta mobilización nunha gran demostración de forza fronte ao inmobilismo da patronal e á inacción da Xunta de Galiza.
Reiterou as críticas á falta de vontade negociadora da patronal, que mantén paralizadas as negociacións dende o pasado mes de outubro, condenando así o persoal a seguir perdendo poder adquisitivo e a unhas táboas salariais que, nas categorías máis baixas, xa quedaron por debaixo do SMI.
Rexeitou tamén a actitude da Consellaría de Política Social “que aínda non respondeu á solicitude de reunión que fixemos en setembro e que pretende lavar as mans neste conflito, a pesar das súas responsabilidades na materia e de fomentar un modelo de coidados privatizado que precariza as traballadoras e a atención ás persoas usuarias para incrementar os beneficios das empresas”.
Naya lembrou que boa parte do negocio do sector está nas prazas concertadas e na xestión de centros que son de titularidade pública, polo que “a Xunta ten que tomar en serio as demandas das traballadoras e implicarse tanto na negociación colectiva como na dignificación das condicións laborais e salariais”.
Neste contexto, a folga continuará os días 7 e 21 de maio e a partir de aí, de non producírense avances, avaliaranse as seguintes accións e medidas a tomar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario