11 de abr. de 2025

PONTEVEDRA

Xunta Provincial de Seguridade   

Abel Losada subliña o significativo descenso da delincuencia no primeiro trimestre do ano en Pontevedra (-8,6%), Vigo (-3,2%) e Vilagarcía (-13,1%) 

Na Comisaría de Marín sobe un 5%, pero o subdelegado matiza que falamos dunha suba nas cifras absolutas de tan só 8 delitos 

A delincuencia retrocede un 4,82% no conxunto urbano da provincia (Policía Nacional) e sobe un 4,12% no ámbito rural (Garda Civil) 

O subdelegado afirma que temos “a enorme sorte de vivir nunha provincia extraordinariamente segura” 

Un total de 4 persoas faleceron nas estradas interurbanas no primeiro trimestre, un 50% menos que no mesmo período de 2024  


O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, coas autoridades que participaron na Xunta Provincial de Seguridade que tivo lugar esta mañá na Subdelegación oe Goberno

Foto: S. do G.

Infogauda / Pontevedra  

 O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, destacou hoxe o significativo descenso da delincuencia na provincia ao peche do primeiro trimestre do ano 2025 e moi especialmente nas cidades de Pontevedra, Vigo-Redondela e Vilagarcía. Así o reflicten as estatísticas analizadas hoxe na Xunta Provincial de Seguridade que avalían un descenso do 4,82% no ámbito urbano, é dicir na Demarcación da Policía Nacional, e unha suba dun 4,12% no ámbito rural, competencia da Garda Civil. 

 “Temos a enorme sorte de vivir nunha provincia extraordinariamente segura nun país extraordinariamente seguro, como é España”, afirmou Abel Losada, quen concretou que esta seguridade, “é un feito transversal, que se pode acreditar con cifras tanto en Vigo como en Pontevedra, Vilagarcía, Marín ou no máis pequeno dos concellos rurais”. Na Xunta Provincial tomaron parte o comisario xefe provincial, Juan José Díaz; o comisario de Vigo, Ramiro Gómez; o tenente coronel da Garda Civil, Óscar Grañas; o capitán da Garda Civil de Tráfico, Antonio Piteira, e a xefa da Unidade de Violencia de Xénero da Subdelegación, María José Rodríguez. Na cidade de Pontevedra o descenso total foi dun 8,64% (pasando de 822 a 751 delitos). Dentro deste balance global, os delitos graves e menos graves reducíronse aínda máis, alcanzando un -12,88%. 

 Na cidade de Vigo e Redondela a baixada é dun 3,21% no cómputo global (de 3.213 a 3.110 delitos) e o recorte nos graves e menos graves alcanza o 10,86%. En Vilagarcía a delincuencia retrocedeu un 13,10% no primeiro trimestre de ano e a baixada nos delitos graves e menos graves foi dun 12,61%. O contrapunto a esta tendencia chega coa Comisaría de Marín que subiu un 5% na delincuencia total (de 160 a 168 delitos) e nun 26,19% nos delitos graves e menos graves. Con todo, Abel Losada subliñou que o maior incremento que se deu en Marín foros os roubos en interior de coches aparcados, dado que se pasou de 3 a 13 denuncias. A Policía Nacional vai despregar un operativo especial en Marín para cortar esta tendencia. 

 No territorio rural, ámbito da Garda Civil a delincuencia experimentou unha suba dun 4,46%, pasando de 2.185 a 2.275 denuncias. Non obstante, neste caso a estatística recolle unicamente os meses de xaneiro e febreiro. Con todo o volume de crecemento é similar ao mesmo período do ano anterior.  

Rexeitamento profundo da demagoxia 

 O subdelegado do Goberno subliñou que estamos diante dun comezo de ano “moi bo, pero hai que tomar estes números con prudencia porque todos sabemos que as estatísticas soben e baixan e hai que velas sempre con perspectiva, porque cando se considera un período suficientemente amplo tenden a aplanarse”. Por este motivo expresou o seu rexeitamento profundo da demagoxia que se gastan algúns partidos políticos e forzas sindicais que utilizan os datos cando lle convén, e mesmo falan cando os datos indican o contrario, como vén de suceder con comentarios “extraordinariamente desafortunados que temos escoitado nos últimos meses na cidade de Pontevedra presentándoa como unha cidade insegura, algo ridículo e que os números desmenten con contundencia”. 

 A análise estatística das catro comisarías da Policía Nacional acreditan que baixa a práctica totalidade das modalidades delituosas e destacan as agresións sexuais con penetración (-47,6%), os roubos en vivendas (-33,3%), os roubo en vivendas (-28,5%), os roubos en establecementos comerciais (-71,5%) e os roubos no interior de vehículos aparcados (-29,6%), isto último a pesar da tendencia contraria en Marín.  

Ciberdelincuencia 

 A estatística tamén acredita o avance da ciberdelincuencia, dado que as estafas con tarxetas e outras modalidades crecen un 13,86% no territorio da Policía Nacional e un 33,3% no da Garda Civil. 

 No que atinxe á seguridade viaria o primeiro trimestre foi extraordinariamente bo, pois rexistráronse 4 persoas falecidas en accidentes de tráfico en vías interurbanas, o que representa un 50% menos que as 8 que faleceron no mesmo período do ano pasado. Entre as 4 vítimas mortais, dúas eran usuarios vulnerables, pois era un condutor de ciclomotor falecido en Ribadumia e un motorista en Gondomar. No mesmo período houbo 240 feridos graves (cifra equivalente á do primeiro trimestre do ano pasado) e tamén se produciron un total de 292 accidentes, que son un 30% menos que os 217 do ano anterior. 

 Finalmente, houbo 842 alcoholemias positivas (215 menos que no primeiro trimestre de 2024), pero 672 positivos por drogas (151 máis). Finalmente avaliáronse as estatísticas de violencia de xénero. Hai un total de 1.830 vítimas protexidas polo sistema VioGén, das que non hai ningunha en risco Extremo, 22 en Alto, 285 en Medio, 823 en Baixo e 700 en risco Non Apreciado. Ademais deuse conta que hai 9 vítimas menores de idade con protección. Por outra banda explicouse que 985 vítimas están baixo o amparo da Garda Civil, 474 da Policía Nacional, 96 da Unidade Adscrita da Policía nacional e 275 das policías locais. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario