11 de abr. de 2025

O ROSAL

O Rosal inspira a Europa co seu proxecto de transformación enerxética sostible  

 O Concello compartiu boas prácticas e presentou a súa Oficina da Enerxía á asociación letoa Partnership Daugavkrasts, que visitou o municipio no marco do programa Erasmus+  


A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, na praza do Calvario, con membros da asociación letoa Partnership Daugavkrasts
Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal 

 O Rosal converteuse nun espazo de intercambio internacional e impulso local á sostibilidade nunha xornada que uniu visión global e acción directa dende o territorio. Da man de Galicia Suroeste e no marco do programa Erasmus+, o Concello recibiu a visita dunha delegación da asociación Partnership Daugavkrasts de Letonia, que chegou co obxectivo de coñecer boas prácticas como construír e fortalecer comunidades locais sostibles, fomentar a participación cidadá e avanzar cara a modelos de autosuficiencia enerxética. A comitiva percorreu experiencias locais exemplares e participou nun intercambio enriquecedor coa veciñanza, co tecido asociativo e con representantes institucionais. 

 A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, destacou que “Dende O Rosal estamos demostrando que a sostibilidade pode comezar dende abaixo, con accións concretas que melloran o día a día da veciñanza e contribúen á loita global contra o cambio climático”. A rexedora rosaleira resaltou “a importancia de compartir coa delegación letoa experiencias reais e innovadoras que sitúan ao Rosal como pioneiro en sostibilidade”.  

 A xornada arrancou cunha visita á adega Terras Gauda, seguida dun encontro institucional no salón de plenos do Concello, onde a alcaldesa presentou a folla de ruta municipal en materia de sostibilidade ambiental e transformación ecolóxica, unha estratexia planificada na que o Goberno municipal leva traballando nos últimos cinco anos con proxectos innovadores en todos os eidos.  

 Así, Fernández Callís detallou á delegación letoa a transformación integral levada a cabo na praza do Calvario, hoxe un espazo peonil que promove a convivencia e reduce a pegada de carbono, ou a renovación do campo municipal de fútbol de A Mata, un dos primeiros campos municipais do Estado español nos que se substituíu o recheo de caucho por materiais naturais e ecolóxicos. Tamén explicou a implantación de programas de compostaxe comunitaria, o servizo municipal de préstamo de biotrituradoras dispoñible para a veciñanza, o punto verde co obxectivo de fomentar a correcta xestión de restos vexetais, así como a xestión da auga do Rosal a través da auga municipal pero tamén da xestión comunitaria da auga a través das traídas veciñais.  

 Un papel destacado na visita xogou a Oficina da Enerxía do Rosal, espazo pioneiro que ofrece asesoramento, formación e acompañamento a iniciativas de eficiencia enerxética e comunidades enerxéticas locais. Esta oficina naceu para liderar a transición enerxética dende o ámbito local, promovendo a implicación directa da cidadanía.  

 Durante a visita tamén interveu Xavier Simón, catedrático da Universidade de Vigo e representante do proxecto europeo EC4RURAL co que colabora o Concello do Rosal. Simón explicou os obxectivos desta iniciativa centrada en facilitar a transición cara a enerxías limpas en contornas rurais. 

 A xornada rematou cunha reunión de colectivos sociais e comunais na Sociedade de San Miguel de Tabagón, onde a asociación letoa puido ver in situ o funcionamento dun proceso participativo e afondar da man do persoal técnico da Oficina da Enerxía nas comunidades de enerxía sostible e noutras experiencias similares como as traídas de auga municipais.  

 “Esta visita reafirma o compromiso do Concello coa sostibilidade, a innovación e a cooperación internacional, consolidando ao Rosal como referente en políticas públicas verdes e participación cidadá transformadora. Pero, sobre todo, pon de manifesto que outro modelo enerxético e social é posible, porque xa o estamos construíndo dende aquí”, concluíu a alcaldesa. 

 A asociación letoa Partnership Daugavkrasts estivo presente como observador nun exercicio de aprendizaxe e inspiración dentro do programa de Job Shadowing, completando unha visita nun ambiente de entusiasmo mutuo, aprendizaxe compartida e vontade de manter lazos de colaboración a futuro. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario