ORPAGU valora os avances da CTOI que garanten estabilidade para a frota palangreira europea no Índico
• En relación coa tintorera, especie clave para a viabilidade da frota, continúa sendo recoñecida como unha pesquería obxectivo e en bo estado. A avaliación científica prevista para este ano será determinante de cara a posibles cuotas no futuro
Mar Bermúdez / A Guarda
A Organización de Palangreiros Guardeses (ORPAGU) celebra os acordos alcanzados na 29ª reunión da Comisión do Atún para o Océano Índico (CTOI), que tivo lugar en Saint-Denis entre o 13 e o 17 de abril, e que supón un paso importante cara a unha xestión máis equilibrada e sostible dos recursos pesqueiros da zona.
Entre as medidas aprobadas, destaca a proposta australiana para establecer un plan de xestión do peixe espada que permitirá aplicar, por primeira vez en 2026, un TAC (Total Admisible de Capturas) baseado en criterios científicos. “É unha boa nova para a frota, xa que esta especie está nun excelente estado de conservación e a previsión é que a fórmula de reparto sexa favorable”, sinalan desde a organización a súa directora xerente, Juana Parada.
Outro punto relevante foi a proposta conxunta de Maldivas, Paquistán e Sudáfrica, que prohibe a captura de especies vulnerables como o tiburón oceánico de punta branca, o zorro ou o tiburón balea, e establece restricións ao corte de aletas a bordo, así como á utilización de determinadas artes.
ORPAGU destaca especialmente que a presión exercida pola frota europea permitiu evitar a prohibición do uso dos “wire leaders” (alambre) por debaixo dos 20º Sur, precisamente na zona na que faena a frota galega. Tamén se logrou poñer de manifesto ante a UE a preocupación pola desigualdade normativa que supón a aceptación de medidas menos esixentes noutras organizacións pesqueiras rexionais (OROPs).
“Para nós é fundamental que Europa actúe para garantir que as nosas embarcacións non estean en desvantaxe”, dixo Parada, quen remitiu un comunicado aos socios da organización para darlles conta do acontecido na reunión.
En relación coa tintorera, especie clave para a viabilidade da frota, ORPAGU lembra que continúa sendo recoñecida como unha pesquería obxectivo e en bo estado. A avaliación científica prevista para este ano será determinante de cara a posibles cotas no futuro.
A organización agradeceu o traballo técnico realizado polos funcionarios da Secretaría Xeral de Pesca do MAPA e da Comisión Europea e manterase atenta á evolución das medidas, en defensa dunha pesca responsable que garanta o futuro da frota palangreira.

Ningún comentario:
Publicar un comentario