ORPAGU consolida en Gourmets a súa aposta pioneira pola innovación e transformación das súas capturas
• E consolida en Gourmets a súa aposta pioneira pola innovación e a comercialización directa das súas capturas.
• A organización guardesa presenta en Madrid o seu novo produto estrela: tacos de peixe espada conxelados listos para cociñar
Mar Bermúdez / Madrid
ORPAGU decidiu hai anos ir varios pasos por diante. Apostou por transformar e comercializar directamente as súas capturas, cando aínda era pouco habitual falar de innovación dentro do sector extractivo. Esa visión estratéxica permitiulle á organización con sede na Guarda, non só crecer, senón tamén posicionarse como un dos referentes pesqueiros con maior proxección do país.
No Salón Gourmets, esa aposta volveu materializarse coa presentación do seu novo produto: unha bolsa de tacos de peixe espada conxelados, fáciles de cociñar, saudables e pensados para os novos hábitos de consumo. O lanzamento celebrouse cunha demostración de cociñado na caseta da Xunta de Galicia, baixo o lema “San, fácil e rico”, da man da cociñeira Criselda Iglesias. O produto sorprendeu pola súa versatilidade e foi moi ben recibido tanto polo público xeral como por profesionais do sector.
A xornada deixou tamén momentos destacados no plano institucional. ORPAGU recibiu no seu espazo a visita do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, quen felicitou persoalmente á organización pola súa traxectoria e pola súa capacidade para innovar sen perder o vínculo co mar. Tamén o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, achegouse á caseta de Interfish, do que ORPAGU forma parte como socio activo.
A presenza en Gourmets serviu ademais para abrir novas vías de negocio e para participar na presentación da campaña “Coñece os nosos peixes protectores” impulsada por Interfish, con intervención de Joaquín Cadilla e un espectacular ronqueo de peixe espada que se converteu nun dos grandes atractivos da feira.
Cos pés no mar e a mirada no futuro, ORPAGU demostra que innovar na pesca non só é posible, senón necesario. E que o traballo ben feito, con visión a longo prazo, acaba marcando a diferenza.


Ningún comentario:
Publicar un comentario