FÚTBOL
1ª Autonómica Grupo 6
O SPORTING GUARDÉS RECIBIRÁ AO TYDE F. C.
• Este domingo día 20 de abril, ás 17:30 horas, no Campo Municipal de Fútbol A Sangriña
• O atleta Borja Cadilla efectuará o saque de honra no partido
Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda
O Sporting Guardés prepárase para recibir ao Tyde, F.C., líder da clasificación da 1ª Autonómica Grupo 6, equipo que ten moitas probabilidades de gañar á liga.
O socio do Sporting Guardés, usuario do centro San Xerome, e activo deportista, Borja Cadilla Lomba, efectuará o saque de honra, xa que o pasado día 2 deste mes, conmemorouse o Día Mundial da Concienciación sobre o Autismo.
Con 69 puntos no seu haber, logrados nas 29 xornadas precedentes, nas cales gañou 21 encontros, empatou en 6, e perdeu en 2 ocasións; o conxunto de Tui, ten realizado unha magnífica temporada 2024-2025, e moi mal tería que irlle no que resta de competición para non lograr o título de campión e o conseguinte ascenso de categoría.
O Sporting Guardés, pola súa banda, que ten feito tamén unha moi boa campaña, conta con 50 puntos, logrados tamén en 29 partidos disputados, dos cales logrou a vitoria en 14 ocasións, habendo empatado en 8, e asumindo a derrota en 7 encontros.
Dese xeito, o encontro deste domingo presenta moito aliciente, tanto para os seareiros visitantes como para os afeccionados de A Guarda. Será unha oportunidade para gozar cunha tarde de fútbol de máxima rivalidade comarcal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario